Blogia
vgomez

2013: O SÉTIMO ANO MÁIS CÁLIDO DENDE QUE HAI REXISTROS

 

Os datos climáticos de 2013 en todo o planeta, o sétimo ano máis cálido dende que se teñen rexistros, confirman a tendencia de quentamento global a longo prazo, segundo un estudo da Axencia Espacial estadounidense (NASA).

O traballo realizado no Instituto Goddard de Estudios Espaciales da NASA mostra que a temperatura media global do ano pasado foi de 14,6 graos celsius, 0,6 graos por enriba da media do século XX.

Ademais, dende hai 38 anos, en ningún a temperatura media se situou por debaixo desa media de 14,6 graos.

Agás 1998, os dez anos máis cálidos dos 134 en que se dispón de rexistros de todo o planeta (que empezaron a realizarse en 1880) corresponden ao século XXI, con 2010 e 2005 como os que tiveron unha temperatura media máis elevada.

Os científicos, non obstante, destacan que os patróns meteorolóxicos poden causar flutuacións na temperatura de ano en ano, pero que o incremento continuo de gases de efecto invernadoiro na atmosfera terrestre están provocando un aumento global das temperaturas a longo prazo.

Cada ano non ten que ser necesariamente máis cálido que o anterior, aseguran os investigadores da NASA, pero dados os niveis actuais de gases de efecto invernadoiro, si esperan que cada década supere a temperatura media da precedente.

Os gases de efecto invernadoiro, principalmente o dióxido de carbono, atrapan a calor na atmosfera e regulan os cambios no clima terrestre.

Debido á acción humana, a concentración destes gases (que se xera de forma natural, pero tamén ao queimar combustibles fósiles), aumentou nas últimas décadas e encóntrase no nivel máis alto dos últimos 800.000 anos, segundo a NASA.

A concentración de dióxido de carbono na atmosfera era de 285 partes por millón en 1880, cando empezaron os rexistros do Instituto Goddard, e o ano pasado superaron as 400 partes por millón
.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

0 comentarios