Blogia
vgomez

HAT-P11b: UN EXOPLANETA CON VAPOR DE AUGA NA SÚA ATMOSFERA

HAT-P11b: UN EXOPLANETA CON VAPOR DE AUGA NA SÚA ATMOSFERA

Representación artística do exoplaneta HAT-P11b / Imaxe:facebook.com   

 

Un equipo internacional de científicos detectou vapor de auga na atmosfera dun exoplaneta que é catro veces máis grande que a Terra (é dicir, similar a Neptuno), cunha masa de 26 veces a do noso planeta e que se atopa na Constelación de Cygnus a uns 124 anos luz.

Trátase do planeta máis pequeno sobre o que os científicos foron capaces de describir algúns dos compoñentes químicos existentes na súa atmosfera. E é que a busca por ampliar o noso coñecemento polos planetas que se encontran fóra do noso sistema solar converteuse nun elemento destacado na actualidade científica.

O planeta en cuestión chámase HAT-P11b e os astrónomos foron capaces de detectar o vapor de auga grazas ás observacións de tres telescopios distintos da NASA (Hubble, Spitzer e Kepler) e a unha técnica que estuda unha peculiaridade da luz que acontece cando un planeta transita diante da súa estrela. O que sucede é que o material contido na atmosfera do exoplaneta absorbe parte da luz da súa estrela e isto provoca que o planeta pareza moito máis grande.

Ao encontrarse preto da súa estrela (completa unha volta á súa estrela en aproximadamente cinco días), a temperatura do exoplaneta é bastante alta, preto de 605º C. Malia iso, este planeta probablemente de núcleo rochoso, estaría rodeado por unha capa de gas, na súa maioría hidróxeno que, a pesar de ser un ambiente sen nubes, si que existen marcas de vapor de auga, unha condición previa para a vida.

O estudo foi publicado na revista NATURE.

FONTE: Revista Muy Interesante/Ciencia

0 comentarios