Facebook Twitter Google +1     Admin

O ÚLTIMO CUMIO DO CLIMA: UN FRACASO

Publicado: 02/10/2014 07:33 por vgomez en ZONA VERDE
20140930074352-1412009190-822931-1412009341-noticia-normal.jpg

Viñeta de Ramón / Xornal El País 

 

Retroceso dos glaciares en todas as grandes cordilleiras do mundo e nos casquetes polares; fusión acelerada da banquisa do Ártico; aumento exponencial das emisións de gases de efecto invernadoiro "que triplican os niveis existentes nos inicios da Revolución Industrial a mediados do século XVIII" coa conseguinte elevación da temperatura media do planeta; ciclóns e tifóns cada vez máis destrutivos; arrepiantes secas que se superpoñen a frecuentes episodios de inundacións en zonas atípicas? Ninguén, agás os grandes grupos investidores interesados en que non diminúa a nosa dependencia dos combustibles fósiles, pode negar a evidencia de que nos achamos nun ciclo de cambio climático no que, xunto a causas naturais, a actividade humana ten moito que ver.

Os dirixentes do mundo, ante a presión da opinión pública, non tiveron máis remedio que abordar o tema. A ONU, aparentemente interesada en limitar o quentamento global a 2°C respecto á época preindustrial (pois moitos científicos sinalan que as temperaturas terán aumentado ao final do século XXI en máis de 4°C), acolleu o pasado día 23 de setembro, o Cumio do Clima, coa asistencia de representantes de máis de 120 países de todo o mundo, aínda que algunhas nacións estiveron representadas por políticos de segundo nivel, o que demostra o escaso interese real en abordar o asunto. E iso malia que o secretario xeral da ONU, o surcoreano Ban Ki-Moon, pediu expresamente as delegacións dos respectivos países que acudiran con propostas audaces destinadas a reducir as emisións, reforzar a resistencia ao cambio climático e mobilizar a vontade política para chegar a un acordo xurídico significativo en 2015.

Pero, polo que transcendido dos resultados do devandito Cumio, as medidas adoptadas quedaron, unha vez máis, en simples promesas, sen anuncios concretos. Xunto ás reticencias de países desenvolvidos, sobre todo EUA, a renunciar aos seus niveis de desenvolvemento e consumo, países emerxentes, como China e India, non están dispostos tampouco a limitar o seu propio crecemento. No caso de China, as súas emisións de CO2 e óxido de nitróxeno poden aumentar exponencialmente se, como se prevé, o seu parque automobilístico segue un crecemento imparable. Situación que é particularmente preocupante nun país cuxa poboación supera os 1.300 millóns de habitantes. Se, como todos os economistas prognostican, a curto prazo a economía chinesa supera as occidentais, o efecto que sobre a atmosfera do planeta poida supoñer un crecemento sen freo do xigante asiático é, hoxe por hoxe, impredicible.

A situación é particularmente grave. Pero no Cumio, moitos países pospuxeron a unha data tan tardía como a do ano 2050 a adopción de medidas concretas para reducir parcialmente as emisións de gases contaminantes para achegalas ás rexistradas en 1990. Unha vez máis, o Cumio do Clima non foi senón un escaparate que puxo en evidencia a escasa vontade política "e tamén a escasa marxe de manobra da maioría dos países" para facer fronte á avaricia do conglomerado de empresas transnacionais que operan no mercado do petróleo.

O Cumio do Clima 2014 constituíu un fracaso. A próxima, prevista para o 2015, pode atrasar de novo as solucións drásticas que o planeta nos está a demandar.

 

FONTE: Diego Jiménez Fonte/ laopiniondemurcia.es

Comentarios  Ir a formulario

gravatar.compaideleo

Mal imos !.

Fecha: 07/10/2014 22:18.


Añadir un comentario



No será mostrado.