Blogia
vgomez

A INVESTIGACIÓN É O MOTOR DO DESENVOLVEMENTO E DA RIQUEZA DOS POBOS

A INVESTIGACIÓN É O MOTOR DO DESENVOLVEMENTO E DA RIQUEZA DOS POBOS

Angel Carracedo / Imaxe:cpi.devedra.climantica.org 

O científico galego Ángel Carracedo Álvarez (Santa Comba-A Coruña, 1955), catedrático de Mediciña Legal na USC e experto internacional en xenética, fixo o seguinte manifesto con motivo da celebración do Mes da Ciencia (novembro):

Un grande empresario dicíame non hai moito tempo: “Aos científicos valorarannos aquí cando algún se faga moi rico cos seus achados”.

A min non me parece que os galegos valoren pouco a ciencia e os seus científicos. Ao contrario, penso que estamos entre as profesións mellor consideradas. Temos a gran sorte de que a xente da nosa terra valora o traballo e a dedicación aos demais por riba de todo.

Tampouco creo que ningún científico teña entre os seus obxectivos facerse rico. O seu tesouro é o coñecemento e a súa ilusión buscar o porqué das cousas. A súa gran ledicia prodúcese cando fan un descubrimento que lles dá respostas ás preguntas que se fixeron e que ninguén fora quen de albiscar.

Gustaríalles traballar na súa terra, pero para iso precisan medios para investigar e un salario que lles permita vivir. Non lles importa que non sexa moito o que gañen, pero si que o proxecto, o grupo onde traballan e o ambiente sexa estimulante.

E temos que procurar entre todos que estas condicións se dean aquí. O noso número de investigadores é aínda moi baixo e as condicións nas que se desenvolve o seu traballo distan moito de ser comparables coas dos países máis desenvolvidos.

E é preciso cambiar esta situación. A investigación é o motor do desenvolvemento e da riqueza dos pobos, e temos que procurar reter o noso talento e mesmo captar novo talento do exterior.

Tamén temos, os propios científicos, que integrarnos máis na sociedade, na nosa cultura, no noso sistema produtivo, e sobre todo contar o que estamos facendo.

Cos anos cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia. Facela é importante, pero tanto ou máis é contar que sabemos e tantos e tantos misterios e problemas que aínda non conseguimos chegar a entender. Saber isto é a única maneira de que a xente valore o que os científicos fan, pero sobre todo é a única maneira de comprender o mundo que nos rodea e poder xulgar criticamente o que nos din, o que é igual que ser máis libres.

E para chegar á xente da nosa terra hai que facelo no nosa lingua. “Sentímolo noso”, escribía unha mestra dun dos institutos (o meu favorito) onde cada vez que podo voulles contar o que facemos aos alumnos. Entusiasmo e proximidade son a clave da divulgación científica, e que te sintan como eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a garantía para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces queiran dedicarse a ela.

Unha idea que moitos compartimos!

FONTE:Consellería de Educación e O. Universitaria/EDLG



0 comentarios