Facebook Twitter Google +1     Admin

2015 ANO INTERNACIONAL DOS CHANS

Publicado: 26/11/2014 11:27 por vgomez en ZONA VERDE
20141126112548-iys-logo-es-01.png

Logotipo do Ano Internacional dos Chans / Imaxe:fao.org

A Asemblea Xeral da Organización de Nacións Unidas (ONU) declarou 2015 Ano Internacional dos Chans (AIS). De forma oficial, comezará o 5 de decembro con actos inaugurais en Nova York, Roma e Bangkok. Os lemas elixidos para difundir este ano internacional a nivel global son "Os chans, fundamento da agricultura familiar" e "Chans sans para unha vida sa"

Os responsables de Nacións Unidas sinalan que o obxectivo do AIS 2015 é aumentar a concienciación da importancia do chan para a seguridade alimentaria da poboación mundial e para o bo funcionamento dos ecosistemas, así como o apoio a políticas para a xestión e a protección sostible deste recurso natural.

O chan é moito máis que a superficie onde nos apoiamos. A ONU recorda que é a base para o mantemento e crecemento da vexetación, dende bosques ata cultivos dos que se obteñen alimentos, medicinas ou combustibles. O chan é tamén esencial para a biodiversidade animal, tanto salvaxe coma doméstica. No seu interior encóntranse millóns de organismos que, aínda que se descoñezan ou non se vexan, cumpren funcións vitais como a descomposición de restos vexetais e elementos tóxicos, a absorción de compoñentes da atmosfera, a regulación do carbono ou os ciclos hidrolóxicos.

A subministración de auga de calidade, un ben cada vez máis escaso, depende en boa medida do estado dos chans, xunto á paisaxe e a súa vexetación. Un chan en mal estado non pode reter a auga das precipitacións, e o ciclo hidrolóxico reséntese. Se un chan se contamina, a súa influencia nótase na auga e o resto dos seus elementos.

A importancia dos chans na loita contra o cambio climático é outro punto destacado. A materia orgánica dos chans é unha das maiores reservas de dióxido de carbono (CO2) e pode actuar como almacén e sumidoiro deste gas de efecto invernadoiro. Os expertos da ONU non esquecen tampouco o valor do chan como testemuña da historia da terra e do patrimonio cultural dos nosos antepasados.

FONTE: Revista Consumer

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.