Facebook Twitter Google +1     Admin

RELATO: "A CIENCIA SALVA FUTUROS"

Publicado: 20/12/2014 08:36 por vgomez en OUTRAS COUSAS
20141220083539-banner-noticiaweb.png

 Cartel / cienciaqueconta.com

Tal como prometín, aquí tedes o texto do relato de Gabriel Otero Moreira, coa que acadou o accésit na 7ª edición do concurso de relatos "A CIENCIA QUE CONTA" 2014.

 

Estrela sentíase a muller máis feliz do mundo con aquela pequena vida que medraba no seu interior; na clínica dixéronlle que era un neno.

Un día Estrella tivo un precioso soño. Soñou cun precioso bebé loiro, forte e fermoso. Pero cando chegou o feliz momento, o seu bebé non era como no seu soño, o seu pelo era negro coma o carbón e a súa cabeciña non era precisamente... normal. A súa forma era esaxeradamente apepinada e, aínda que o médico da clínica dixéralles que non era nada anormal, Estrela non quedou tranquila.

Quince días máis tarde, os pais levaron a Gabriel á consulta do seu pediatra. O doutor Rivas deuse conta inmediatamente de que algo non ía ben, o problema era serio.

- Teño que darlles unha mala noticia -dí o médico mentres palpa suavamente a cabeza do neno 

- Que é o que sucede? -pregunta o pai.

- Gabriel ten un problema na unión dos ósos da súa cabeza chamado craneosinoestosis -engade mentres os pais miranse entre eles asustados.

- Ai, meu Deus! E iso e grave? -pregunta a nai, tremendo do medo.

- Pois naceu coa súa fontanela pechada... hai que operar canto antes.

-Ai, Deus! E en que consiste a operación? -preguntalle o pai.

- Trátase dun mal desenvolvemento nos ósos do cráneo durante o embarazo, nun caso normal os ósos do cranio únense entre o primeiro e o terceiro ano do bebé, no caso dos nenos ou nenas afectados por esta malformación sucede durante o embarazo. De non separamos ises ósos, o cranio e o cerebro medrarán de forma anormal.

- Non sei, doutor; isto é demasiado forte, teño que o pensar, fáltame o aire, vémonos fóra! -engade o home moi impresionado, saíndo da sala.

- Non mo podo crer!, pero a operación é perigosa? -pregunta Estrela.

- Home pois...non podedes pensar niso, tendes que ser valentes e autorizar a operación, senón a súa cabeciña deformaríase enormemente e o seu cerebro podería sufrir danos irreversibles xa que non podería medrar con normalidade.

Durante a viaxe de camiño á casa a nai e o pai case non falaron nada. Preocupáronse moito, moitísimo; aquel pequeno ser era o seu máis prezado tesouro. Pola noite comezaron a pensar e darlle voltas.

- Que imos facer con isto, … non podemos deixar que lle pase nada ao noso fillo -comeza dicindo o pai.

- Seino... Creme, eu tampouco quero que lle pase nada, pero temos que operalo -respóndelle.

- Non hai ningunha outra alternativa? Que pasaría se non o operamos? -pregunta o pai.

- Pois as consecuencias serían irreversibles, podería dañarse o seu cerebro, e ademais, os nenos non quererían xogar con el polo seu aspecto, tería moitos problemas ao longo da súa vida -dille a nai.

- Seino, seino! Pero por en risco a vida do noso fillo...-dí o pai dubitativo.

- E se non o operamos, que clase de vida lle espera? -interrumpelle a nai-Ademais o doutor Rivas asegurounos que en Galicia temos os mellores neurociruxanos infantís e que todo sairía ben.

A decisión estaba tomada. Cinco meses máis tarde e despois dunha dura espera para os pais, o neno foi operado con éxito. Os médicos, tras unha difícil operación de 5 horas conseguiron separar os osos do seu pequeno cranio e remediar a deformación que tiña. O neurociruxano explicáralles o proceso:

- A incisión quirúrxica irá na parte superior da cabeza dende unha orella ata a outra. A incisión será en zig-zag para facilitar a rexeneración da pel. A continuación manipularemos os ósos retirando os pedazos que sobren, o que se denomina “sinoestectomía”. Despois será necesario cambiar ou mover os ósos que se deixan no cranio. Finalmente fíxaranse mediante unha placa con parafusos.

O neno estivo 2 días na UCI e nove mais ingresado. Pouco a pouco recuperouse de tan dura experiencia. Os pais sentíronse moi felices ao saber que o seu fillo estaba ben. Quedáronlle, sen embargo, algunhas consecuencias como por exemplo, non podía evitar porse a chorar ao ver unha bata branca ou unha camilla, e estivo máis dun ano sen dormir ben polas noites.

Tres meses despois da operación chegou o día do bautizo ao que asistiron amigos e familia. A nai sentíase a muller máis feliz do mundo, o seu bebé estaba a salvo por fin; mentres vestía ao seu fillo, a mirada quedóuselle cravada nel, desúpeto deuse conta de que aquel neno que ela soñara aquela noite, tíñao diante dos seus ollos, Gabriel era un bebé forte e fermoso, e o peliño que empezaba a aparecer era loiro coma os raios de sol, mágoas coma cristais de neve saíron dos seus ollos.

Oito anos mais tarde, Gabriel e a súa familia foron de viaxe ás Covas de Altamira, onde no museo viron, nun mostrario de cristal, o fragmento dun periódico no que estaba escrito unha noticia sobre unha excavación en Atapuerca na que se atoparan o cranio dunha nena de fai máis de 500.000 anos afectado por esta deformación:

- Gabriel mira! -dixo a nai emocionada.

- Isto é o que me pasou a mí? -preguntou o neno.

- Sí, pero esa neniña non tivo tanta sorte coma tí, morreu cando tiña dez anos - respondelle a nai.

E así Gabriel entendeu o longo percorrido que a ciencia fixera para que el poidera ter un futuro digno por diante. Grazas a evolución da ciencia, hoxe en día a craneosinoestosis pódese remediar. Grazas á ciencia, iste neno hoxe está sentado no seu sofá cunha taza de leite quente, escribindo a súa historia. Agora o único recordo que teñen da operación Gabriel e os seus pais é unha cicatriz en zig-zag de orella a orella.


Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.