Blogia
vgomez

TEMOS UN PROBLEMA: O PLÁSTICO

 

Hai un par de anos o paleobiólogo Jan Zalasiewicz da universidade de Leicester publicou un estudo no que expuña unha tese revolucionaria: afirmaba que o plástico era a proba evidente de que a Terra xa entrou no Antropoceno, unha nova era xeolóxica (bautizada así polo premio Nobel de Química Paul Crutzen) na que o comportamento humano condiciona irremediablemente o funcionamento do planeta.

Segundo datos de Greenpeace dende que nos anos 50 empezáronse a fabricar os plásticos de forma industrial, producimos máis de 8.000 millóns de toneladas. Se todo ese plástico fose filme transparente habería suficiente como para envolver a Terra. A imaxe debería ser suficientemente poderosa (e desagradable) como para facernos recapacitar, pero a tendencia, de momento, non apunta a que vaia a ser así. De feito, crese que no 2050 alcanzaremos os 34.000 millóns de toneladas, dos cales só o 9% será reciclado e case o 80% acumularase, no mellor dos casos, en vertedoiros.

Alá onde miremos hai plástico. Forma parte por igual das paisaxes urbanas ou rurais. Está nas casas das cidades europeas, pero tamén nas chozas da máis remota tribo amazónica. Hai plástico mesmo en metade do océano Pacífico na denominada “gran illa de lixo”, que non é outra cousa que unha xigantesca acumulación de residuos plásticos. E tamén o hai nos estómagos de varias especies de peixes e aves mariñas, de feito científicos suecos aseguraron nun estudo recente que algunnos destes animais estaban a converterse en adictos ao plástico.

As cifras, está claro, son elocuentes. Temos un problema. Un ben grande. Así que calquera proposta que se lance para solucionalo, dende as máis modestas ás máis ambiciosas, deben ser tidas en conta. É o caso de Dave Hakkens, deseñador holandés e fundador de Precious Plastic, unha comunidade de usuarios presente en todo o mundo cuxo obxectivo é “loitar contra a contaminación dos plásticos” segundo aseguran na súa web onde tamén din ser “pobres pero libres”. A filosofía de Precious Plastic está expresada no seu manifesto: “o plástico está feito para durar sempre, pero deseñado para ser utilizado só uns poucos minutos. Un incrible desperdicio de potencial. Nós consideramos o plástico un material moi valioso”. Pero para darlle ese valor é necesario prolongar a súa vida útil e en Precious Plastic fano seguindo as premisas do movemento DIY (Do It Yourself); a comunidade axuda a todo aquel que que queira a construír a súa propia planta de reciclaxe en casa creando ao tempo redes locais de intercambio de coñecemento e colaboración. Hakkens cre que na era da información todo o mundo é consciente de que existe un problema co plástico e confía en que “xente normal, xente como eu, póñase en marcha e comece a facer algo para solucionalo”.

FONTEEdición:  José L. Álvarez Cedena/Xornal El País

0 comentarios