Blogia
vgomez

A SERPE VELENOSA MÁIS GRANDE DO MUNDO: A COBRA REAL

 


Como o seu propio nome indica, a cobra real (Ophiophagus  hannah) é unha raíña, a monarca indiscutible dun vasto reino  serpentino que se estende por toda Asia tropical. Formidable cazadora, Hannah é unha raíña  déspota que come aos seus propios súbditos (Ophiophagus significa literalmente “comedora de serpes”), xa que a súa dieta componse case exclusivamente doutros  ofidios. No seu reino, ningunha serpe de menor tamaño está segura. E o seu reinado é longo, tanto que pode vivir ata vinte e cinco anos ou máis. As cobras son os representantes máis coñecidos dos elápidos, familia que inclúe ademais ás mambas africanas, búngaros ou kraits, serpes de coral, taipáns australianas e serpes mariñas.

A cobra real é a serpe venenosa máis grande do mundo. Pode acadar os seis metros de lonxitude e é capaz de producir suficiente cantidade de  neurotoxina (uns cincocentos miligramos) como para matar a un elefante dunha soa  mordedura.

A cobra real abunda nos  manglares e bosques ribeireños das rexións tropicais de Asia (dende a India ata Filipinas e dende o sur de China á illa de Xava), onde son temidas e  reverenciadas. Na India é considerada un animal sacro que simboliza a fertilidade e o renacemento, e a miúdo aparece representada xunto ao deus hindú  Siva, á vez forza vital  primixenia e gran destrutor. Pero este  ofidio que pode erguerse ata a altura dun home pode ser tamén unha nai amorosa. Cun comportamento inusual noutras serpes, a femia da cobra real realiza a posta de ovos dentro dun niño que constrúe varrendo herbas e poliñas coa súa cola. A súa prole, de entre vinte e corenta crías, nace xa dotada de veleno. Pouco antes da  eclosión dos ovos, mamá cobra abandona o fogar, que ata entón defendera con incrible agresividade, para non caer na tentación de comerse ás crías. Esas cousas que teñen as nais!

FONTE: Isidoro Merino/elpais.es/oviaxeiroastuto

0 comentarios