Blogia
vgomez

SOMOS INCAPACES DE ESTAR A SOAS CON NÓS MESMOS


Por primeira vez na historia, na vida das persoas conviven dúas circunstancias: as reais e as virtuais. “Ata que punto están a condicionar unhas ás outras?”, pregúntase José Carlos Ruiz, doutor en Filosofía. Como investigador da chamada ‘Hipermodernidade’, a este profesor universitario preocúpalle especialmente o impacto das novas tecnoloxías nas mentes do século  XXI: “As redes sociais permítennos crear un avatar de nós mesmos, cunha vida totalmente  idealizada”. E engade: “Para moitas persoas, especialmente para os adolescentes, é moi duro desconectarse das redes e descubrir que a súa vida real non se parece en nada á súa vida virtual”.

Crítico coa sociedade contemporánea, para el a felicidade do século  XXI “converteuse nun instrumento de tortura” baseado nunha “check list”: “sentimos que debemos consumir a última novidade do mercado, visitar o país de moda e practicar o deporte en boga”. Unha lista de experiencias interminable que sentimos obrigados a cumprir, e que nos leva a buscar estímulos emocionais permanentemente. Como experto en filosofía contemporánea, advirte: “Todo isto estase convertendo nunha trampa que nos conduce a ser incapaces de parar e reflexionar”. O antídoto, segundo asegura, está no pensamento crítico: “O pensamento crítico filosófico permítenos cuestionar a realidade do mundo no que vivimos, e tamén as súas mensaxes”.

José Carlos Ruiz doutorouse en Filosofía Contemporánea cunha tese sobre o ‘Hiperindividualismo’. É especialista en ‘Pensamento Crítico’ e dirixiu varios cursos sobre o uso do pensamento crítico na aula e ‘Educación crítica visual’. Como investigador, os seus intereses céntranse na filosofía da cultura, a análise da sociedade hipermoderna e a aproximación da filosofía ao cotián. É autor dos títulos ‘De Platón a Batman: manual para educar con sabedoría e valores” (2017), ‘A arte de pensar’ (2018) e ‘A arte de pensar para nenos’ (2019). Tamén é colaborador habitual de prensa e exerce como asesor filosófico na Cadea SER.

0 comentarios