Blogia
vgomez

ONDA RADCLIFFE

Na ilustración, os datos da Onda Radcliffe superpóñense nunha imaxe da Vía Láctea / Imaxe do telescopio WorldWide, cortesía de Alyssa Goodman

Astrónomos da Universidade de Harvard descubriron na Vía Láctea unha estrutura gasosa en forma de onda, a máis grande xamais vista na nosa galaxia, que contén varios grupos de estrelas recentemente nadas. Alcumado Onda Radcliffe polo instituto de investigación que o descubriu, este impresionante tsunami cósmico esténdese por 9.000 anos luz e ten unha masa equivalente á de 3 millóns de soles. Atópase sorprendentemente preto do Sol. "Estivo fronte aos nosos ollos todo o tempo, pero ata o de agora non podiamos velo", recoñecen os científicos.

O achado, dado a coñecer na revista Nature, foi posible grazas a unha nova análise de datos da sonda espacial Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA), lanzada en 2013 coa misión de medir con precisión a posición, a distancia e o movemento das estrelas. O equipo combinou os datos súper precisos de Gaia sobre mil millóns de estrelas con outras medicións para construír un mapa 3D detallado do materia interestelar na Vía Láctea. Durante esta tarefa, decatouse da existencia dun patrón inesperado no brazo espiral máis próximo á Terra.

Desta maneira, os investigadores descubriron unha estrutura longa e delgada, de aproximadamente 9.000 anos luz de longo e 400 anos luz de ancho, con forma de onda, cunha crista de 500 anos luz arriba e abaixo do plano medio do disco da nosa galaxia. A onda inclúe moitas das garderías estelares que anteriormente se pensaba que formaban parte do Cinto de Gould, unha banda de rexións  formadoras de estrelas duns 3.000 anos luz de diámetro, que se cre que están orientadas ao redor do Sol nun anel.

O ocorrido aínda é un misterio. "O que si sabemos é que o noso Sol interactúa con esta estrutura. Pasou xunto a un festival de  upernovas cando cruzou Orión hai 13 millóns de anos, e noutros 13 millóns de anos volverá cruzar a estrutura, coma se estivésemos ’surfeando a onda’", indican os investigadores.

FONTE: abc.es/ciencia

0 comentarios