Blogia
vgomez

TODOS OS ANIMAIS, INCLUÍDOS OS HUMANOS, PROVEÑEN DESTE VERME: IKARIA WARIOOTIA

 
Recreación artística do Ikaria wariootia, ancestro de todos os animais / SOHAIL WASIF/UCR

En 1860, meses despois da publicación da orixe das especies, organizouse un gran debate na Universidade de Oxford. Participaron científicos, filósofos e teólogos. Contan que, nunha das súas intervencións, o bispo de Oxford, Samuel Wilberforce, preguntou con desdén a un dos principais defensores de Darwin, Thomas Henry Huxley: "É por parte do seu avó ou da súa avoa que descende vostede do mono?". Ao que Huxley contestaría que non se avergoñaba de ter un mono como antepasado, pero que lle daría vergoña "estar emparentado cun home que dedicaba o seu talento para ocultar a verdade".

A Wilberforce talvez chocaríalle aínda máis escoitar que na orixe da árbore xenealóxica de todos os animais, incluíndo os humanos, non hai un mono, senón un verme. Un equipo de xeólogos da Universidade de California en Riverside descubriu as pegadas do primeiro organismo con simetría bilateral, que viviu hai 555 millóns de anos. Trátase da primeira criatura cuxo corpo tiña unha parte dianteira e unhas costas, dous lados simétricos e aberturas en cada extremo, conectadas por un pequeno intestino. Achado no sur de Australia e bautizado como Ikaria wariootia, a descrición deste ser ancestral publicouse na revista PNAS.

A aparición de corpos simétricos marca un momento clave na evolución da vida na Terra. Permitiu a definición dun eixo corporal, organizado na dirección na que se movía o organismo, e con iso deu pé á formación dun sistema nervioso central. Nas últimas décadas, os científicos identificaran algunhas pegadas fosilizadas correspondentes ao período Ediacárico (635-539 millóns de anos) nos depósitos de rocha de Nilpena, no sur de Australia. E sospeitaban que ditas marcas poderían ser vestixios desas criaturas pioneiras, sen poder demostralo pola ausencia de material orgánico.

Os xeólogos descubriron impresións minúsculas e ovaladas preto dalgúns tobos. A análise revelou que a impresión fora deixada por un corpo de forma regular e cilíndrica, con cabeza e cola, e cunha musculatura con aneis. Este exemplar de Ikaria wariootia medía entre dous e sete milímetros de longo e entre un e dous e medio milímetros de ancho. A súa anchura máxima era a dun gran de arroz. Os investigadores escolleron o nome de Ikaria wariootia en homenaxe aos primeiros habitantes da illa: o nome Ikaria significa "lugar de encontro" na lingua dos aboríxenes Adnyamathanha, e Warioota Creek fai referencia a unha formación montañosa que conduce a Nilpena.

Trátase das pegadas máis antigas dun animal con capacidade  motriz procedentes do Ediacárico, unha honra que ata o de agora correspondía a unha forma de vida similar achada en China o ano pasado, a Yilingia spiciformis.

A pesar da súa forma relativamente simple, Ikaria era complexa en comparación con outros fósiles deste período. Deixou pegadas escavando en finas capas de area do fondo do océano (zonas onde o osíxeno sería abundante) mentres buscaba materia orgánica, o que indica certa capacidade sensorial. Así mesmo, as impresións deixadas por este ser conservan cristas en forma de v, o que suxire que se movía contraendo os músculos do seu corpo, como unha miñoca (locomoción peristáltica). O desprazamento dos sedimentos e os signos de que o organismo alimentábase de materia orgánica enterrada apuntan a que Ikaria probablemente tiña boca, ano e intestinos.

Aínda que as primeiras formas de vida no planeta apareceron moito tempo antes (hai uns 4.000 millóns de anos), tratábase de pequenos microbios. Os primeiros organismos multicelulares complexos non chegarían ata o Ediacárico (635-539 millóns de anos), pero crese que a maioría deles non teñen relación cos seres vivos actuais. Criaturas como a Dickinsonia, un estraño ser de forma ovalada, que carece das características básicas da maioría dos animais, como boca ou sistema dixestivo.

Os biólogos evolutivos xa sinalaran, en base a modelos xenéticos, que o antepasado máis antigo de todos os bilaterianos debeu ser simple e pequeno, con órganos sensoriais rudimentarios. Pero achar e identificar os restos dun ser que habitou o fondo do mar hai máis de 500 millóns anos era improbable, senón imposible

FONTE: Amado Herrero/elmundo.es/ciencia

0 comentarios