¡REGALOS! ¿ILUSIÓN?

20090106204127-giftwraps.jpg

No día de hoxe, día de Reis, en case todas as casas prodigáronse os regalos. Regalos dos pais, dos avós, dos irmáns, dos padriños, ... ¡Regalos e máis regalos! ¡E eso que estamos en época de crise! No día de onte, as rúas estaban  ateigadas de xente, con presas, mercando os últimos agasallos, pero eses agasallos ou reis consumistas tiñan algunha ilusión?

ILUSIÓN, palabra que case desapereceu do noso vocabulario. Si, pois a maior parte dos regalos contamos con eles, veñen a paliar cousas que precisamos (que por outro lado aínda son prácticos), moitas veces repetitivos. Penso que os únicos que se libran desta situación son os máis pequenos que na noite pasada durmiron cun ollo aberto pensando que ían chegar os reis, eso si para traerlles o que eles xa pediran, polo que é unha ilusión a medias, unha ilusión de conseguir o que querías.

Moito cambiaron os tempos, para mellor, penso eu, pero non neste aspecto, o da ilusión, non só neste día de reis, senón na ilusión da vida, do traballo, do que teño que facer, etc.

Sobre este tema deixovos cunha naracción dunha persoa da miña casa, que fai os  seus pinitos literarios, que trata esta problemática. Espero que sexa do voso agrado e que serva  de reflexión sobre esa palabriña: A ILUSIÓN.

 

 

Unha lenda de Nadal

 

Dise que cada vez que un neno deixa de crer nos trasgos, un destes morre. Pois algo parecido sucede co Nadal.  Cada vez que un de nós, nenos e non tan nenos, deixa de crer nel, nos Reis Magos, ou na súa maxia… o Nadal, deixa de ter sentido.

A historia que vos vou contar non é máis que como a ilusión dun neno, puido facer que os seus soños se fixeran realidade. E grazas a outros nenos coma el, que o Nadal siga existindo:

 

Polo ermo camiño das Fontiñas o frío pousase sobre as molladas follas das árbores, e os refachos de vento moven as tellas e as ventás da casa de Marco.

Este inverno presentouse máis frío que de costume. Una gran nevada enchía tódalas herdades co seu branco manto… O Nadal estaba próximo.

Marco ten 7 anos, e a súa humilde familia vivía nunha vella casa afastada da montañosa vila das Cabanas. Os seus pais traballaban no campo, polo que máis ben era una familia con poucos recursos económicos, e xa facía varios anos nos que cada 6 de xaneiro non agardaban regalos baixo a árbore.

-“Mamá, ¿Por qué os Reis Magos nunca se lembran de nós, e non nos deixan regalos baixo a árbore?”- preguntaba.

-“Porque senón os camelos morrerían co frío, porque xa sabes que os camelos son de climas quentes”.

Polo que Marco razoaba: “¡Ah! Entón é por iso os nenos de Groenlandia teñen a Santa Claus para que lles traia regalos.”

A pesar de todo, cada ano, Marco escribía con gran ilusión a carta ás Súas Maxestades, fixese frío ou non. Xa facía 2 anos que seguía pedindo o mesmo regalo, un trineo de madeira. E cada ano, podía comprobar como non estaba ó carón da árbore. Malia todo, Marco nunca perdeu a esperanza de que algún día puidese ver cumprido o seu soño de poder xogar polos campos preto da súa casa co seu marabilloso trineo. Este ano non ía ser menos, e días antes da sinalada data, Marco comezou a escribir a súa carta.

A súa nai Elsa, admiraba a ilusión do seu fillo, pero sabía que un ano máis o seu soño non podería ser realidade. A situación económica estaba mal, e outra vez a seca árbore non tería regalos ós seus pés.

Os días foron pasando paseniño a paseniño de igual maneira que caían as folerpas de neve, e deste xeito chegou a véspera do día de Reis. Elsa xa fixera todo o posible para facerlle ver o seu fillo as dificultades que tiñan os Reis Magos para poder chegar a súa casa, pero aínda así o neno resistíase a crer o evidente:

-“Mamá, non digas iso, eu presinto que esta noite virán, sei que virán”.

-“Non fillo, non esperes gran cousa, será difícil, anuncian unha gran nevada esta noite”.

Nese mesmo intre, o pai entra pola porta:

-“¡Papá, papá! ¿A que esta noite virán os Reis e van traer o meu trineo? ¿A que si papá, a que si?”

O pai frunciu o ceño, e súa resposta no foi outra que a que supuña arrebatarlle a ilusión a un neno:

-“Non fillo, creo que xa van sendo horas de que medres. Vouche dicir unha verdade que pode que che doa, pero xa é tempo de sabela: Os Reis Magos non existen.”

O neno todo asustado replicou: “¡Non é mentira, non digas iso! ¿Mamá, a que está a mentindo?”

A nai calada, só foi capaz de asentir. Nese intre o pobre rapaz comprendeu o que pasaba, e decepcionado correu cara súa habitación mentres un mar de bágoas corría polas súas fazulas.  

Aquela noite foi triste para Marco, para el, ou para calquera outro neno ó que lle arrebatan a ilusión de tal xeito. Pero a pesar de todo, Marco non se deu por vencido, é como era costume nel, antes de deitarse baixou á cociña encher un barreño con auga para os camelos. Os nervios impedíanlle durmir a xeito. Xa era media noite, e as secas badaladas do reloxo da igrexa das Cabanas escoitábanse coma un rumor por mor do vento que zoaba naquela zona. Marco seguía na súa cama, quedo, somnolento, inmerso da escuridade da súa habitación. Naquel instante escoitou uns ruídos que proviñan da cociña, coma pasos. A emoción de Marco comezou a xurdir… pouco a pouco escoitaba como aqueles pasos aproximábanse cara o cuarto onde se atopaba a árbore. Marco xa non podía conterse máis, e dun chimpo baixou da cama e buliu escaleiras en baixo. Mentres baixaba podía ver coma un máxico resplandor diminuía na habitación onde se atopaba a árbore e con el, o ruído que antes escoitaba dende o seu cuarto. Refregando os ollos, alí estaba a ergueita figura do rapaz fronte a árbore, que non podía crer o que estaba contemplando, ¡o seu trineo estaba alí!

Rapidamente buliu escaleiras arriba para espertar ós seus pais:

-“¡¡Mamá, papá!! ¡¡O meu trineo, touxérono!! ¡¡Aquí está!!!

-“¿¡Pero que dis? ¡Ti  estás a durmir!

A incredulidade dos pais era igual ca do seu fillo. Non podían dar cabida ó sucedido.

-“Elsa, ¿fuches ti verdade?, ¡fuches ti quen o deixou baixo a árbore!

-“¡Non Tomás, non! ¡Eu non teño nada que ver! ¿Cando ía ir, se estiven toda a noite contigo?

É era certo. Algo máxico sucedera. Se ningún dos pais de Marco puxera o trineo alí, ¿quén ía ser?

 

Vela aquí está un exemplo máis do que a maxia do Nadal, a ilusión e o espírito destas datas pode chegar a facer. Sexades nenos ou non, nunca perdades a ilusión polos vosos soños. Quen sabe, se vos portades ben, igual a Súas Maxestades poñen da súa parte para poder cumprilos.

 

                                                                                                                              Koyumbaba

 

06/01/2009 20:51. vgomez #. OPINIÓN E COMENTARIO

Comentarios > Ir a formulario

vgomez

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.