Facebook Twitter Google +1     Admin
20120502162503-evolucion-humana.jpg

O ser humano segue evolucionando / Imaxe:mokanews.es

Rematou o proceso de evolución do ser humano? Estancouse a especie debido ao efecto das adaptacións culturais e do avance das sociedades? Un dos grandes debates abertos entre biólogos e científicos sociais é ata que punto as poboacións humanas continúan experimentando os efectos da selección natural exposta por Charles Robert Darwin. Os procesos para o estudo deste campo están perfectamente definidos pola ciencia, pero a falla de bases de datos suficientemente grandes e fiables complicaron a súa investigación.

Un grupo internacional de científicos, liderado por investigadores do Departamento de Ciencias Animais e Vegetais da Universidade de Sheffield (Reino Unido), acaba de presentar un estudo en profundidade do rexistro da igrexa luterana de Finlandia para determinar se os cambios demográficos, culturais e tecnolóxicos acontecidos despois da revolución agrícola afectaron á selección natural e sexual na especie humana actual.

A investigación, publicada na revista científica "Proceedings of the National Academy of Sciences" (PNAS) contou con datos de 5.923 persoas nacidas entre 1760 e 1849. Como parece lóxico pola época e o lugar nos que viviron os individuos, a poboación estudada caracterizábase por unha monogamia imposta socialmente. Segundo citan os propios autores no traballo, o rexistro da igrexa luterana contiña unha completa información sobre a supervivencia, apareamento e éxito reprodutivo de cada individuo.

Os resultados presentados polos investigadores demostran que os seres humanos están en constante evolución. "As nosas conclusións enfatizan a idea de que os cambios demográficos, culturais e tecnolóxicos dos últimos 10.000 anos non descartaron o potencial da selección natural e sexual da nosa especie", aseguran os autores no artígo publicado en PNAS. O aumento da supervivencia de individuos debido aos avances na medicina e na tecnoloxía non conseguíu alterar os procesos descritos no século XIX polo pai da Evolución, Charles Darwin.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.