Facebook Twitter Google +1     Admin

NOVA DATA DA FORMACIÓN DA LÚA

Publicado: 17/04/2014 11:09 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS
20140413122746-13969511715367-464x0.jpg

Recreación da formación da Lúa / NASA/ESA/HST

A Lúa formouse despois da Terra, pero canto tempo despois exactamente? Trátase dun tema de grande interese xeoquímico moi debatido polos planetólogos. Ata agora a idea dominante sostiña que o noso satélite teríase formado uns 30 millóns de anos tras a formación do planeta, pero algúns investigadores estimaban este período de tempo en 50 e mesmo 100 millóns de anos. Un estudo recente empregou un método innovador para fixar a formación da Lúa uns 95 millóns anos despois da formación da Terra.

Segundo unha teoría amplamente aceptada, a Lúa formouse cando un corpo celeste do tamaño de Marte colisionar coa nova Terra fai agora uns 4.500 millóns de anos. Como resultado do colosal impacto, botáronse ao espazo numerosos entullos que, ao aglomerarse e fusionarse, formaron o noso satélite. Aínda que á primeira vista poida parecer unha teoría un tanto estrambótica, o caso é que nos instantes iniciais da formación do Sistema Solar os impactos entre grandes corpos e asteroides deberon ser relativamente frecuentes. Ademais, esta teoría do grande impacto explica ben as características da rotación do sistema Terra-Lúa e a gran similitude entre as composicións de ambos os dous corpos.

Naturalmente resulta interesante saber en que momento, tras a formación da Terra, tivo lugar o grande impacto que formou a Lúa determinando entón a composición da codia terrestre. Para tratar de estimar a data da enorme colisión víñanse utilizando, ata agora, métodos estándar de datación baseados nos ritmos de desintegración de elementos radiactivos, como o uranio. Con estes métodos, calculouse que a Lúa se formou uns 30 millóns de anos tras a formación da Terra, e esta era a idea máis estendida actualmente. Non obstante, utilizando outros elementos radiactivos obtivéronse valores diferentes, chegando a estimacións que sitúan a formación da Lúa en 50, e mesmo 100, millóns de anos tras a formación do planeta azul. Encontrámonos polo tanto ante un dilema que merece máis estudo.

Un equipo internacional de planetólogos liderado por Seth Jacobson del Observatorio de la Costa Azul (Niza, Francia) acaba de publicar un novo método para calcular a idade do noso satélite. Coa axuda dun potente ordenador, estes investigadores simularon o crecemento dos planetas rochosos (Mercurio, Venus, a Terra e Marte) no seo do disco protoplanetario que se formou xunto co noso Sol. Tratábase dun disco de gas e po no que a aglomeración das partículas sólidas en rochas progresivamente maiores acabou dando lugar á formación dos corpos do sistema solar tal e como os observamos hoxe.

Estas simulacións tamén se utilizaron para estudar os efectos do grande impacto final que deu lugar á formación da Lúa. Os investigadores encontraron unha relación entre o momento do impacto e a cantidade de material que se incorporou á Terra tras a gran colisión. Grazas a esta relación, medindo a masa que se acumulou sobre o noso planeta tras a colisión, pódese datar o momento do nacemento do noso satélite.

Seguindo este método, Jacobson e os seus colaboradores descartan, cun nivel de confianza do 99,9%, que a Lúa se formara no período de 40 millóns de anos que seguíu á formación do noso planeta, o que rexeita completamente a idea máis estendida ata a data de que a Lúa se formara uns 30 millóns de anos despois da Terra. No seu lugar, o novo estudo sitúa o momento de formación da Lúa nuns 95 millóns de anos despois da formación da Terra.

FONTE: Xornal El Mundo/ciencia/Rafael Bachiller 

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.