Blogia
vgomez

HOUBO SEMPRE AUGA NA TERRA DENDE O PRINCIPIO?

HOUBO SEMPRE AUGA NA TERRA DENDE O PRINCIPIO?

Os investigadores cren que os océanos sempre estuvieron aquí / JACK COOK

 

Dende o espazo, a Terra parece unha bóla azul debido á presenza dos océanos, que cobren o 70% da súa superficie. Unha inmensidade que alberga a maior explosión de biodiversidade do mundo e que resulta esencial para a vida tal e como a coñecemos. Non obstante, a pesar da súa enorme importancia, os científicos seguen sen saber a orixe da auga do planeta: de onde provén e cando apareceu?

Ata agora, a hipótese máis aceptada sostiña que o líquido elemento chegou ata aquí dende o exterior, a bordo de asteroides e cometas “húmidos” migrados dos confíns do Sistema Solar, centos de millóns de anos despois de que a Terra se tivese formado. Pero investigadores da Institución Oceanográfica Woods Hole (WHOI) en Massachusetts (EUA) non están de acordo. Cren que a Terra xa tivo auga dende a súa mesma formación, segundo se publica na revista Science.

Os autores do estudo estudaron unha potencial fonte de auga da Terra: as condritas carbonáceas, os meteoritos máis primitivos coñecidos, formados da mesma nube de po, partículas, xeo e gases que deu lugar ao Sol hai uns 4.600 millóns de anos, moito antes dos cales se formasen os planetas.

Co fin de determinar a fonte de auga en corpos planetarios, os científicos mediron a relación entre os dous isótopos estables de hidróxeno: o deuterio e o hidróxeno. Diferentes rexións do Sistema Solar caracterízanse por proporcións moi variables destes isótopos. Os autores do estudo sabían a relación das condritas carbonáceas e razoaron que se puidesen comparar iso cun obxecto que cristalizou mentres a Terra se estaba a formar activamente, entón poderían medir cando apareceu a auga na Terra.

Para probar esta hipótese, o equipo de investigación analizou mostras de meteoritos proporcionadas pola NASA provenientes do asteroide Vesta. O asteroide, que se formou na mesma rexión do Sistema Solar que a Terra, ten unha superficie de rocha basáltica ou lava conxelada. Estes meteoritos coñécense como eucritos e levan unha firma única dun dos depósitos de hidróxeno máis antigos do Sistema Solar. A súa idade, aproximadamente 14 millóns de anos despois de que o noso sistema planetario se formase, fainos ideais para a determinación da fonte de auga nun momento en que a Terra estaba na súa fase principal de construción. Por primeira vez, os investigadores analizaron cinco mostras diferentes cunha técnica que utiliza espectrometría de masas de ións secundarios.

As medicións mostran que Vesta contén a mesma composición isotópica de hidróxeno que as condritas carbonáceas, que é tamén a da Terra. Iso, combinado con datos de isótopos de nitróxeno, apunta ás condritas carbonáceas como probablemente a fonte máis común de auga.

Se ben os resultados non se opoñen a unha adición tardía de auga na Terra, mostran que non era necesaria, xa que a cantidade e composición correctas da auga xa estiveron presentes nunha fase moi temperá. Unha consecuencia diso é que a vida no noso planeta podería ter comezado moi temperán, e suxire algo moi interesante: saber que a auga chegou cedo ao Sistema Solar interior tamén significa que os outros planetas internos poderían ter sido húmidos no principio e a vida podería ter evolucionado neles antes de que se convertesen nos ambientes hostís que son hoxe.

FONTE: Xornal abc/ciencia

0 comentarios