20171030125210-dnx9vucx0aanmin.png-large.png

O aumento da concentración de gases de efecto invernadoiro acadou un novo récord. O CO2 pasou das 400,0 ppm de 2015 a 403,3 ppm en 2016 / WMO/OMM

A concentración de dióxido de carbono (CO2) na atmosfera, responsable do quentamento global, acadou de novo niveles récord en 2016, anunciou onte a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) nun comunicado, no que que advirte dun "aumento perigoso da temperatura global". Este dato publícase poucos días antes do inicio da Conferencia da ONU sobre o Cambio Climático que terá lugar do 6 ao 17 de novembro na cidade alemá de Bonn.

O ano pasado, a concentración atmosférica de CO2, principal gas de efecto invernadoiro de longa duración, acadou 403,3 partes por millón (ppm), por encima dos 400 rexistrados en 2015. Segundo a OMM, actualmente a concentración de CO2 na atmosfera representa o 145% dos niveis preindustriales (antes de 1750). Esa taxa de crecemento foi un 50% máis rápida que a media da última década. Segundo os científicos, o aumento do dióxido de carbono sucedeu 100 veces máis rápido que o ocorrido cando o mundo estaba a emerxer da última idade de xeo.

A axencia da ONU encargada do clima atribúe en parte o aumento récord de 3,3 partes por millón da media anual ao resultado das actividades humanas combinadas cun intenso episodio do fenómeno meteorolóxico de El Niño, que tivo devastadores efectos en distintas zonas do mundo entre 2015 e os primeiros meses de 2016.

"El Niño" provocou secas nas rexións tropicais e reduciu a capacidade dos "sumidoiros" (como os bosques, a vexetación ou os océanos) para absorber CO2. En observacións directas non se viron niveis de concentración de CO2 en 800.000 anos, asegura a OMM no seu boletín.

Se se empregan os indicadores indirectos (ou proxy) para medir a cantidade de CO2 na atmosfera, "a última vez que a Terra coñeceu unha cantidade de CO2 comparable foi fai entre tres e cinco millóns de anos", é dicir, no Plioceno Medio, cando "a temperatura era entre dúas e tres graos centígrados máis alta e o nivel do mar era 10 ou 20 metros máis alto que o nivel actual", debido ao desxeo en Groenlandia e o oeste da Antártida e mesmo partes do xeo da Antártida oriental, lembra a axencia no seu boletín mundial sobre os gases de efecto invernadoiro. Os cambios abruptos na atmosfera presenciados nos últimos 70 anos "non teñen precedentes", engade o organismo.

Os dous outros gases principais de gas de efecto invernadoiro, o metano e o óxido nitroso, tamén medraron ata concentracións récord o ano pasado, aínda que a un ritmo máis lento que o dióxido de carbono.

O crecemento demográfico, unhas prácticas agrícolas máis intensivas, un maior uso da terra e o aumento da deforestación, a industrialización e o uso de enerxía procedente de fontes fósiles como carbón e petróleo contribuíron a unha aceleración da taxa de aumento da concentración de gases de efecto invernadoiro na atmosfera desde o inicio da era industrial, di a OMM.

FONTE: Xornal El País/Ciencia