20171216130351-hqdefault-55.jpg

 

O termo contaminantes emerxentes provén do inglés emerging pollutants. Refírese a unha serie de produtos, máis ou menos recentes e cada vez máis abundantes, cuxas formulacións químicas ou as interaccións que causan con outras substancias ou compostos provocan danos sobre o medio ambiente e a saúde humana que non se tiveron en conta ata agora. Moitos deles son de uso cotián e atópanse en calquera fogar: medicamentos, cosméticos, champús, de limpeza, etc.

A medida que os científicos realizan máis investigacións e análises, descobren novos efectos. O impacto de certos tipos de medicamentos xa se empezaron a percibir en contornas naturais: os estrógenos das pílulas anticonceptivas provocan a feminización dos machos en diversas especies de peces e anfibios; os antidepresivos reducen as posibilidades de supervivencia das aves no inverno; e certos antiinflamatorios causan lesións nos paxaros.

Outro exemplo claro é o dos microplásticos, utilizados en diversos produtos, como abrasivos industriais, exfoliantes, cremas faciais, pasta de dentes, champús, xeles, produtos para bebés, repelentes de insectos, cremas solares, cosméticos, etc. Os microplásticos están presentes en todos os mares e océanos do planeta e constitúen unha ameaza para a saúde humana e o medio ambiente pola súa capacidade de acumular compostos químicos e toxinas.

Os sistemas de depuración e tratamento de augas residuais carecen dos medios para detectar e eliminar estas substancias. "Non é motivo para alarmar á poboación. A auga da billa é segura, as cantidades son mínimas, pero a auga que utilizamos para consumo vén de encoros e ríos e chega das redes de saneamento, de maneira que finalmente todo o que botamos á contorna desde o fregadeiro, á ducha, ao retrete, etc. acaba nos ríos e chéganos de novo a nós", lembra un experto de Aclima.

A concienciación dos cidadáns é clave para diminuír a presenza e os efectos dos contaminantes emerxentes no medio ambiente e a saúde. Do mesmo xeito que ocorre con produtos como as toallitas húmidas, non hai que arroxar nada polo retrete que non sexan as tres pes, " pipí, popó e papel hixiénico", como subliñan dende a Asociación Española de Abastecementos de Auga e Saneamento.

No caso dos medicamentos, ademais de reducir o seu consumo para o imprescindible, débense depositar nos puntos SIGRE das farmacias para o seu correcto tratamento e reciclaxe. O investimento en investigacións e sistemas de análises é outra das grandes accións que deberían terse en conta. A lexislación debería avanzar para establecer controis e límites a estas substancias, como xa se fai con outras, e que as empresas produtoras asuman métodos para reducir, eliminar ou substituílas.

FONTE: Revista Consumer/Medio Ambiente