OS BIOCOMBUSTIBLES, UN CRIME CONTRA A HUMANIDADE

Reprodúcese o artigo de de Natalia Bore publicado hoxe no xornal La Voz de Galicia polo seu interés.

Os biocombustibles son «un crime contra a humanidade», segundo a ONU. A Unión Europea suprimirá as subvencións para os cultivos destinados a producir carburantes verdes

Mentres que onte en Brasil comezaban as reunións técnicas preparatorias para a trixésima edición da Conferencia Rexional da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), que mañá será inaugurada oficialmente, alén do océano o relator especial da ONU para o Dereito á Alimentación, o suízo Jean Ziegler, declaraba que a produción masiva de biocombustibles «é un crime contra a humanidade».

A súa afirmación, fundamentada no impacto que o cultivo de cereais para este tipo de carburantes ten nos prezos mundiais dos alimentos, súmase ás voces de alerta que o pasado fin de semana lanzaron outros organismos, como o Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco Mundial. Os seus últimos estudos debuxan un terrible futuro no que os elevados prezos traduciranse en cen millóns máis de pobres no mundo, o que ameazará a paz, como ocorreu xa en países como Haití, Exipto, Indonesia, Madagascar, Mauritania ou Filipinas.

Ziegler advertiu que o mundo se encamiña «cara a un período moi longo de disturbios» e conflitos derivados da escaseza de alimentos e da imparable escalada dos seus custos, que será -así como a súa relación cos biocombustibles- un dos asuntos centrais que tratará a Conferencia rexional da FAO para América Latina e o Caribe, que se celebra en Brasília.

Aínda que o uso de cereais para producir biocarburantes non é o único factor que causou o desmesurado encarecemento dos alimentos, si tivo un efecto determinante, pois por primeira vez o consumo humano ten competencia.

Ante esta situación de crise global, o ministro francés de Agricultura, Michel Barnier, propuxo onte en Luxemburgo, no transcurso dunha reunión cos seus homólogos da Unión Europea, a adopción de medidas orientadas a reforzar a agricultura comunitaria e a aumentar a axuda para ese sector nos países máis pobres. «é necesario producir para alimentar», subliñou Barnier, en referencia á competencia do cultivo para biocombustibles.

Pero, a pesar das críticas, a UE, que si suprimirá as subvencións aos cultivos destinados á produción de biocarburantes, non ten previsto modificar nin suspender os seus proxectos baseados nesta fonte de enerxía alternativa.

15/04/2008 18:07. vgomez #. OPINIÓN E COMENTARIO

Comentarios > Ir a formulario

vgomez

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.