Facebook Twitter Google +1     Admin

AFORRO ENERXÉTICO

20110308121257-eco-domestica2-1.jpg

O prezo da tarifa eléctrica subíu un 10% con respecto ao 2010 e non será a última vez que aumente. Os consumidores poden reducir a súa factura cuns cantos consellos para gastaren menos enerxía. O peto agradecerao, e tamén o medio natural.

En primeiro lugar, débese asumir unha máxima que parece moi obvia pero que non o é: o xeito máis (eco)lóxico de aforrar enerxía é non consumila ou, polo menos, facelo de maneira sensata. Non é estraño ver cuartos coas luces acesas sen ninguén dentro, ou estar en camiseta no inverno ou con xersei no verán polo uso esaxerado da calefacción e do aire acondicionado.

Os electrodomésticos producen o maior gasto nos fogares españois: poden supor ata o 65% da factura eléctrica. Agora ben, non todos gastan igual. Os frigoríficos e conxeladores requiren case o 19% da electricidade consumida, segundo o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). Por iso, é recomendable ter un do tamaño apropiado, e coas etiquetas de eficiencia enerxética máis aforradoras, as de tipo A ou superior.

Se un consumidor substitúe un frigorífico de clase C por outra etiquetaxe como A+, o aforro estimado na nova factura eléctrica será de 3,72 euros ao mes (44,64 euros ao ano). No caso dunha lavadora será de dous euros, dun lavalouza de 2,42 euros, e dunha secadora de 4,61 euros.

 Os electrodomésticos máis eficientes son máis caros, pero son un investimento que se amortiza en menos de catro anos. Despois da súa vida media (dez anos), acádase un aforro dun 74,7% do consumo eléctrico total con respecto ao consumo dun electrodoméstico non eficiente.

Chupópteros de enerxía

  • Televisor: Tras o frigorífico, o televisor é o electrodoméstico que máis enerxía consume. Os televisores planos, que cada ano se usan máis, son uns grandes "vampiros enerxéticos": en modo "stand by" "chupan" enerxía as 24 horas do día, aínda que estean apagados, e isto equivale ata o 15% do seu gasto en funcionamento. Por iso, ao igual que para o resto de pequenos e de grandes aparellos electrónicos, cun uso que se triplicou nos fogares nas últimas tres décadas, os consumidores deben seguir os mesmos consellos: elixir os máis eficientes, evitar o stand by ou apagalos se non se van usar.
  • Ordenador: No tocante aos ordenadores, pódese facer un uso máis ecolóxico deles: apagar o monitor se non se vai usar en máis de 20 minutos e todo o PC se é que non se vai empregar máis de dúas horas. As novas tecnoloxías poden axudar a gastar menos electricidade, como os contadores intelixentes, que informan polo miúdo do consumo eléctrico en tempo real.
  • Lavadora: A lavadora é o seguinte na listaxe dos que máis consumen. Entre o 80% e o 90% da electricidade destínana a quentar a auga. Amais de utilizar os modelos máis eficiente, é mellor recorrer aos programas en frío ou de menor temperatura posible, que adoitan ser os máis apropiados para a maioría das coadas. Outros consellos importantes son aproveitar ao máximo a súa capacidade ou, cando menos, usar programas de media carga, centrifugar e secar a roupa ao sol para evitar a secadora, usar descalcificantes e manter limpo o filtro. En caso de ter unha secadora, que sexa tamén das máis eficientes, utilizala só cando non quede outro remedio, aproveitar ao máximo a súa capacidade e cos programas máis axeitados.
  • Lavalouza: O lavalouza é outro electrodoméstico cada vez máis habitual nos fogares españois: unha cuarta parte dispón dun. Aínda que require o 2% do gasto eléctrico, é máis económico que lavar os pratos a man con auga quente, sempre que se sigan os mesmos consellos ca coas lavadoras.
  • Cociña: O cociñado de alimentos tamén leva unha boa parte da enerxía, a xeito de electricidade ou de gas natural (11%). Para reducir o seu consumo, pódese cociñar con recipientes que teñan o fondo maior ca o lume, tapar as potas, utilizar fornos de clase A e abrir a súa porta o xusto preciso, usar a pota exprés, de se usaren placas eléctricas, desconectalas uns minutos antes da cocción, e se a cociña é a gas, reducir o lume ao ferver o alimento.
  •  Pequenos electrodomésticos: Producen calor (o ferro de pasar, a torradora ou o secador do pelo) dan lugar a consumos importantes. Convén reducir no posible o seu uso e aproveitalos ao máximo. No tocante a aparellos como abrelatas, espremedores ou teléfonos, pódense utilizar os manuais sen electricidade para lograr a mesma función. Así e todo, algúns destes aparellos son recomendables. Un microondas aforra tempo e entre un 60% e 70% de enerxía fronte a un forno convencional. E unha maquiniña eléctrica é mellor ca as de usar e guindar no que atinxe ao uso de auga quente e residuos.

Como consumidores podemos  asumir estes consellos para reducir a nosa factura eléctrica e concienciarnos do grave impacto ambiental que ten o gasto de enerxía.

Fagamos un usos responsable!

FONTE: Revista EROSKY CONSUMER

11/03/2011 09:36. vgomez #. ZONA VERDE

Comentarios > Ir a formulario

vgomez

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.