Blogia
vgomez

O AFASTAMENTO DA LÚA E AS SÚAS CONSECUENCIAS

O AFASTAMENTO DA LÚA E AS SÚAS CONSECUENCIAS

Superlúa de maio / Imaxe:viudasdegila.com

Interesante artigo de Miguel Gilarte Fernández, presidente da Asociación Astronómica de España e director do Observatorio Astronómico de Almadén da Prata, publicado no xornal ABC/Ciencia, sobre as consecuencias do afastamento paulatino do noso satélite, a Lúa, que traduzo integramente para o voso coñecemento:          

Hai millóns de anos, a Lúa estaba moito máis preto da Terra, talvez dez veces máis preto que agora, e o seu tamaño aparente no ceo era colosal. Hoxe coñecemos que a Lúa se afástase da Terra a razón de 3,8 cm por ano e sabémolo porque os astronautas e dúas naves rusas que conseguiron alcanzar a Lúa, nas misións dos Apolos 11, 14 e 15 máis as naves Lunokhod 1 e 2 sen tripulación, deixaron cinco reflectores na superficie lunar. Dende a Terra, lanzamos un pulso láser cara a estes espellos que rebotan e volve á Terra. A precisión é de 1 milímetro, non está nada mal para un percorrido duns 800.000 km. A Lúa afástase porque acelérase na súa órbita, debido a efectos que provoca sobre os océanos terrestres.

O feito de que a Lúa se afaste traerá consecuencias á Terra. Unha delas é a duración dos días. Pouco despois de crearse a Lúa, esta comezou a afastarse moi rapidamente da Terra, dende unha posición de 22.500 km, polas friccións xeradas polas inmensas mareas creadas pola propia Lúa e por este mesmo motivo, os días fanse cada vez máis longos. Toda a cuestión está nas mareas, que serven de freo á rotación da Terra. Sabemos que as mareas eran máis numerosas e que os días eran máis curtos, polos rexistros encontrados nas rochas denominadas ritmitas de mareas. Cando a Lúa estaba moi preto da Terra, os días duraban apenas 5 horas, pero a medida que se afastaba, os días alongáronse ata as 24 horas de hoxe. Pero seguirán alongándose ata que duren un mes e máis, ata que se fagan eternos e unha cara da Terra mire sempre ao Sol e a outra resultará estar sempre en tebras.

Outra consecuencia inevitable serán as mareas. Todos sabemos que a gravidade da Lúa atrae a auga de mares e océanos. Cando a Lúa está enriba dun océano, prodúcese a marea alta, ao igual que na parte contraria da Terra, por efecto da rotación Terra-Lúa que provoca un efecto de forza centrífuga que fai que as augas se eleven. Cando a Lúa se afasta desa posición, prodúcese na costa marea baixa. As mareas, hai millóns de anos, cando a Lúa estaba "a tiro de pedra", eran colosais, ata mil veces superiores ás de hoxe. As augas non se retiraban decenas de metros nas mareas baixas ou internábase en terra algúns metros nas mareas altas como o fai agora, senón que retirábanse e internábanse quilómetros, como tsunamis continuos. Co afastamento da Lúa, a forza de gravidade do noso satélite sobre a Terra cada vez será menor, e as mareas deixarán de existir. Os océanos e os mares converteranse en piscinas xigantes.

Outro efecto relevante e que levará a toda a vida a unha evolución descoñecida polo momento, será a oscilación do eixe da Terra. A Lúa mantén o eixe da Terra estable, cunha inclinación de 23º. O feito de que a Lúa se afaste, desestabilizar o eixe terrestre, de forma que oscilará 90 graos, provocando que en ocasións os polos baixen ata o ecuador e o ecuador ocupe a posición dos polos. A situación actual do eixe terrestre é vital, xa que estabiliza o clima. Cando o eixe comece a oscilar, a vida deberá acomodarse ou deixar de existir. Os últimos estudos científicos, indican que a Lúa é un elemento fundamental para manter a vida na Terra.

               

0 comentarios