Facebook Twitter Google +1     Admin

A NOITE DAS PERSEIDAS

Publicado: 12/08/2013 08:57 por vgomez en CURIOSIDADES
20130811130132-perseidas.jpg

Perseidas / Imaxe:www.elsistemasolar.info 

Como xa temos comentado neste blog, cada ano por estas datas (do 17 de xullo ao 24 de agosto) o noso planeta cruza a órbita do cometa Swift-Tuttle, que ten un período de 130 anos e que pasou preto do Sol por última vez en 1992. Esta órbita está chea de partículas pequenas, como grans de area ou menores, que foron liberadas polo cometa nos seus pasos anteriores. Cando unha destas partículas, que formaron no seu día a cola do cometa, entra na atmosfera terrestre, a fricción quéntaa ata vaporizala a grande altura (uns 100 km). Durante uns segundos, a partícula brilla coma se fose unha estrela, e por iso este fenómeno recibe o nome popular de estrela fugaz. Son as denominadas Perseidas ou Bágoa de San Lourenzo.

Pois ben, esta noite poderemos asistir a este espectáculo no seu máximo apoxeo. O lugar de observación pode ser calquera con tal de que proporcione un ceo escuro e mirando para calquera parte do ceo, aínda que mellor para o NE. É preferible un lugar que teña poucos obstáculos para a vista (como edificios, árbores ou montañas), e non utilizar instrumentos ópticos que nos limiten o campo de visión.

Iso si que a vista se acostume á escuridade e... paciencia! 

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.