Blogia
vgomez

O BURATO NEGRO DO CENTRO DA VÍA LÁCTEA

O BURATO NEGRO DO CENTRO DA VÍA LÁCTEA

Ilustración do púlsar PSR J1745-2900 situado preto do burato negro do centro da Vía Láctea / NRAO

No centro da nosa galaxia, a Vía Láctea, a 26.000 anos luz da Terra, debe haber un burato negro supermasivo tragando materia, sobre todo gas, que forma un disco en espiral ao seu arredor. O proceso xera uns potentes campos magnéticos, tamén formando un remuíño, e os científicos cren que eses campos fan que algo de materia se salve das poutas do voraz burato ao saír disparado cara a fóra en dous chorros superrápidos. Así que o campo magnético do centro galáctico é de suma importancia para coñecer a estrutura do fluxo de material do que se alimenta o burato coa súa potente atracción gravitatoria. Pero o centro galáctico está escurecido, para os telescopios ópticos, polo gas e o po, o que dificulta a súa observación. Deste burato negro coñécese a súa masa (é uns catro millóns de veces máis masivo que o Sol), pero o seu ámbito próximo tan extremo así como moitas das súas propiedades aínda non se comprenden, recalcan os astrónomos.

Na súa axuda chegou un púlsar, unha estrela de neutróns, supercompacta, en rotación, que emite radiación en pulsos periódicos e que debe estar a menos de medio ano luz do burato negro (o máis próximo do mesmo que se descubríu). Trátase dun tipo pouco común de púlsar, cun campo magnético extraordinariamente intenso. Foi achado a raíz dun fulgor de raios X que un telescopio da NASA, o Swift  , captou o pasado abril procedente do centro da Vía Láctea e as observacións posteriores con diferentes radiotelescopios en varios países permitiron determinar que se trataba dun púlsar, denominado PSR J1745-2900.

PSR J1745-2900 permitiu aos astrónomos medir a intensidade do campo magnético na zona inicial do fluxo de materia que cae no burato negro, indicando que, efectivamente, hai un potente campo magnético e grande escala. A análise das radioondas procedentes do púlsar mostraron que estaban a sufrir un retorcemento importante na súa viaxe ata a Terra, un fenómeno que se produce cando as ondas atravesan gas inmerso nun campo magnético, e ese gas está a uns 150 anos luz do burato negro, exactamente na liña de observación entre o púlsar e o noso planeta.

Os astrónomos calculan a forza do campo magnético medindo o xiro das radioondas ao pasar polo gas. As medidas que tomaron indican que o campo magnético alí é relativamente organizado, en lugar de ser turbulento.

Os investigadores seguen pendentes do oportuno púlsar esperando detectar cambios a medida que se despraza arredor do burato negro. Ao mesmo tempo buscan máis púlsares deste tipo para aplicar a mesma técnica de observación e poder facer un mapa detallado do campo magnético nas proximidades do burato negro. Pero o primeiro, PSR J1745-2900, tardou décadas en aparecer. E non está suficientemente preto do burato negro para para medir alí as propiedades do espazo/tempo da Relatividade Xeral de Einstein.

Esta investigación foi publicada, o pasado día 14, pola revista Nature.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

0 comentarios