Facebook Twitter Google +1     Admin

QUE SON OS OTOLITOS?

Publicado: 21/08/2013 08:22 por vgomez en CURIOSIDADES
20130818202631-otolitos.jpg

Otolitos extraídos dun xurelo (Trachurus trachurus) / Imaxe: cobmedits2011.wordpress.com

Os otolitos son materiais sólidos que se encontran no sistema vestibular en moitos organismos. Permítenlle ao organismo notar as aceleracións e a dirección da gravidade (no noso caso coñécense coloquialmente como area do oído e cando a cabeza está inclinada, os otolitos cambian de posición e os pelos que se encontran debaixo responden ao cambio de presión); aos peixes sérvenlles para a audición.

A curiosidade de hoxe é o seu emprego como o método máis empregados para a determinación da idade dos peixes, facendo o reconto de marcas de crecemento neles. A maioría de especies posúen tres pares de otolitos (lapillus, asteriscus e sagita) que se atopan na cavidade cranial formando parte do sistema labiríntico dos teleósteos, no que actúan como estatolitos. Estas pezas están compostas de carbonato cálcico e unha matriz orgánica, cuxa variación cíclica na taxa de depósito de ambos os dous compoñentes dá lugar á formación de dous tipos de aneis concéntricos que se alternan: opacos e hialinos (translúcidos), os primeiros formados nunha época do ano favorable e con máis depósito de materia orgánica e os segundos formados nunha época máis desfavorable na que se deposita máis carbonato cálcico. Dous aneis consecutivos representan un ano de vida na vida do peixe e polo tanto o reconto de aneis permítenos estimar a idade do individuo.

A próxima vez que teñas un peixe diante, trata de localizar estas estruturas!

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.