Facebook Twitter Google +1     Admin

                Imaxe de Ceres tomada pola sonda "Dawn" / NASA

 

Unha das grandes preguntas sobre a vida na Terra é como apareceron os océanos e os compostos orgánicos que necesitaba para florecer. Na orixe do Sistema Solar, o embrión do noso planeta estaba tan preto do Sol que non se podían formar auga líquida nin algúns compostos orgánicos. Só máis aló da chamada liña de neve, na parte exterior do cinto de asteroides, dábanse as condicións necesarias. Os ingredientes básicos para a vida puideron ser, en orixe, alieníxenas, pois é probable que gran parte da auga que alberga o planeta e posiblemente compostos de carbono chegasen a bordo de asteroides ou cometas formados máis aló da liña de neve.

Un novo estudo publicado na semana pasada reforza esa teoría. A sonda Dawn da NASA atopou compostos orgánicos na superficie de Ceres, un planeta anano do cinto de asteroides situado entre Marte e Xúpiter. Desde que a nave chegou a este corpo de 950 km de diámetro na primavera de 2015, os seus instrumentos demostraron que contén auga xeada, compostos hidratados. Ata podería esconder un océano subterráneo.

Para este estudo, a sonda analizou unha zona duns 1.000 km2 ao redor de Emutet, un cráter duns 50 km de diámetro. Os espectrómetros de luz visible e infravermella detectaron a presenza de materia orgánica alifática, composta por átomos de carbono e hidróxeno. A resolución das medicións non permite determinar de que elementos se tratan, pero os responsables da misión apuntan a que podería tratarse de asfaltita ou kerita, hidrocarburos similares ao alcatrán.

No estudo publicado en Science, os responsables da misión sinalan que é improbable que eses compostos chegasen polo impacto dun asteroide, pois desaparecerían coas altas temperaturas do choque. Ademais, a súa distribución pola superficie non cadra cunha orixe externa. Todo isto apunta a que Ceres, un corpo que foi planeta, asteroide e agora o planeta anano máis próximo á Terra, cuxa superficie gris comparábase co inerte formigón, resulta ter minerais hidratados, auga xeada, carbonatos, sales e materia orgánica, unha “contorna de química complexa” favorable para a aparición de vida.

As deteccións da sonda Dawn, á que quedan cinco meses de misión ao redor de Ceres, supoñen unha confirmación de que asteroides e cometas conteñen abundante auga, así como compostos precursores da vida.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.





Archivos

Ms

contador de visitas

Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris
Plantilla basada en el tema iDream de Templates Next