Facebook Twitter Google +1     Admin

PERIGOS QUE SE ESCONDEN NO PERMAFROST

Publicado: 10/05/2017 07:29 por vgomez en ZONA VERDE
20170506223159-nl79-methane-diagram.gif

Liberación de CH4 (metano) dunha superficie de permafrost e dos océanos / Imaxe: el tiempo.es

Entendemos por permafrost á capa de xeo permanentemente conxelada nos niveis superficiais do chan das rexións moi frías ou periglaciais como é a tundra. Pode encontrarse en áreas circumpolares do Canada, Alasca e norte de Europa entre outras.

Uns 76 anos atrás un brote de ántrax (tamén coñecido como carbunco) infectou a decenas de cervos no oeste de Siberia. Algúns deles acabaron cos seus corpos sepultos baixo a capa de xeo perenne da tundra, o permafrost. Os seus restos e os do seu asasino, poderían permanecer alí durante séculos, pero unha onda de calor o verán pasado liberaría esporas de Bacillus anthracis e todo comezou. Ao contrario do que ocorre con outros patóxenos, ao ántrax non busca manter á súa vítima con vida o maior tempo posible. Todo o contrario: ao ántrax gústalle a descomposición. Unha vez que o osíxeno entra no corpo do animal morto, a bacteria transfórmase en esporas á caza e captura de novas vítimas.

En 2011 os científicos xa advertiran que isto era posible, que un aumento de temperatura podería liberar virus e bacterias conxelados no premafrost: “Como consecuencia da fusión do permafrost, poderían volver os vectores dalgunhas epidemias mortíferas dos séculos XVIII e XIX, sobre todo preto dos cemiterios onde se enterrou ás vítimas”, podíase ler no artigo.

No pasado agosto o seu prognóstico converteuse en realidade cando un neno de 12 anos morreu por ántrax na rexión da península de Yamal, 20 persoas resultaron infectadas e máis dun centenar foron hospitalizadas pola sospeita de contaxio. Aínda por riba 2.300 renos morrían pola mesma causa.

E isto é só o principio segundo os expertos: bastaría un aumento das temperaturas de pouco máis dun grao, para que se derrita o permafrost, unha manta baixo a cal, durante centos de miles de anos, permaneceron dormentes decenas de virus e bacterias.

Un problema engadido é que baixo esta capa de chan xeado do ártico acumúlanse billóns de toneladas de compostos orgánicos capaces de xerar unha inimaxinable cantidade de gases dos que potencian o efecto invernadoiro da terra e aumentan a temperatura global. O CO2 (dióxido de carbono) e o CH4 (metano) son dous dos principais gases tipo efecto invernadoiro que poden liberarse destas amplas superficies xeadas como é a tundra.

E isto está xa a pasar!

FONTE: Revista Quo/Ciencia e eltiempo.es

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.