Blogia
vgomez

MOLEY, UN CHEF ROBOT

 

Nun futuro moi próximo, cando nun restaurante cedamos a ese costume tan español de querer entrar na cociña para felicitar ao chef, é probable que sexamos incapaces de facelo a non ser que saibamos algunha linguaxe de programación. Porque tras os fogóns, en lugar de alguén con gorro de cociñeiro, atoparemos un robot. Talvez o da linguaxe de programación sexa un pouco esaxerado... porque o robot entenderanos de todos os xeitos. De feito ese prodixio xa existe e podes comunicarte con el a través dunha pantalla táctil ou unha aplicación móbil.

O que ata agora coñeciamos como robot de cociña non pasaba de ser un aparello capaz de triturar, cocer, bater e fritir alimentos. Unha máquina útil pero moi afastada da imaxe que temos dun robot. O de Moley é completamente distinto, xa que se trata dunha cociña con todo o necesario (forno microondas e vitrocerámica incluída) que desprega dous brazos robóticos de alta precisión capaces de facer o traballo completo... e limpar despois. O creador deste robot é Mark Oleynik, un matemático e programador que está convencido de que a súa idea será un éxito porque, grazas a Moley, calquera poderá ter acceso a comer pratos realizados polos mellores cociñeiros do mundo. Á fin e ao cabo, asegura Oleynik, o segredo dos chefs está na súa imaxinación: se fósemos capaces de ter exactamente a mesma materia prima, con idénticas cantidades, os mesmos procesos de cociñado e os movementos exactos para levar a cabo as receitas (incluído o emplatado), todos poderiamos realizalos. E iso é o que fai Moley, posto que primeiro captura os movementos dos cociñeiros para reproducilos despois; aínda que esa precisión mecánica nunca poderá substituír, segundo Oleynik, a creatividade dun verdadeiro mestre da cociña.

FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País


0 comentarios