Blogia
vgomez

OBTER ENERXÍA ELÉCTRICA A TRAVÉS DAS PLANTAS

 

A maioría das distopías futuristas que retratou a ciencia ficción literaria e cinematográfica mostran un planeta inhóspito, desertizado, no que a vida natural foi arrasada, ben por puro esgotamento ou por desastre nuclear. Pero a biotecnoloxía pode conseguir que estas predicións funestas non cheguen a cumprirse. Son moitos os científicos e as compañías que se esforzan por atopar fontes de enerxías limpas que permitan manter as subministracións que necesitamos e, ao mesmo tempo, non atenten contra a integridade do planeta. Exploradas, e probadas suficientemente, a enerxía solar ou a eólica, entre as tradicionais, ábrense agora tamén novas posibilidades con tecnoloxías máis disruptivas, que se atreven a imaxinar posibilidades novas.

Unha delas é a proposta dun grupo de estudantes andaluces, quen inventou un sistema para obter enerxía eléctrica a través das plantas. Javier Rodríguez, estudante de Nanociencia e Nanotecnoloxía na Universitat Autónoma de Barcelona, e Pablo Manuel Vidarte e Rafael Rebollo, estudantes de Enxeñería Multimedia de La Salle Universitat Ramon Llull, son os artífices desta idea, xerme de Arkyne Technologies, empresa que ten a dúas deles como cofundadores. A súa carta de presentación é Bioo Lite, unha maceta que xera suficiente enerxía como para cargar un smartphone a través do porto USB que incorpora. O sistema aproveita a materia biolóxica que refugan as plantas durante a fotosíntesis para obter enerxía a un custo mínimo. Nesta mesma liña, o seu novo produto é Bioo Pass Wifi, unha planta que ofrece acceso inmediato a Internet sen necesidade de contrasinais con tan só achegar o teléfono móbil.

O obxectivo de Arkyne Technologies é innovar nun terreo, o das enerxías renovables, onde aínda hai moito percorrido por diante. Utilizando os seus sistemas, Vidarte e os seus socios aseguran que uns 100 metros cadrados de leitugas (á marxe de proporcionar unhas boas ensaladas) serían suficientes para abastecer as necesidades enerxéticas dun fogar familiar. O espazo requirido sería moito menor se, en lugar de vexetación baixa, co que contásemos fose con árbores. "A nosa proposta expón unha simbiose entre tecnoloxía e natureza. En lugar de tallar os bosques poderiamos convertelos nas centrais eléctricas do futuro" asegura Vidarte.

FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País

0 comentarios