O termo “stalker” (espreitador) é moi coñecido entre quen segue as noticias dos famosos de calquera tipo: modelos, estrelas de cinema, deportistas, celebridades de redes sociais… Os stalkers son aqueles fans que levan a súa obsesión polos seus ídolos demasiado lonxe e pasan da admiración ao acoso e mesmo a ameaza. Detectalos non é sinxelo, sobre todo en eventos nos que hai aglomeracións de xente que lles permiten ocultarse ata o momento oportuno no que se plantarán diante da estrela de quenda. Con todo, nos pasados Globos de Ouro, unha das grandes festas anuais do cinema en Estados Unidos, atoparon unha solución na tecnoloxía para evitar que, entre miles de invitados, coáseselles algún destes acosadores. O que fixeron foi instalar un sistema de seguridade baseado en recoñecemento facial desenvolvido pola empresa española Herta Security, unha das compañías de referencia mundial neste sector, quen traballou con listaxes de sospeitosos xunto co FBI e a policía para evitar que accedesen ao evento.
 
Herta, con sede en Barcelona e oficinas en Madrid, Londres e Os Angeles, está presente en máis de 50 países e ten clientes como a UEFA, os premios Emmy ou o museo do Louvre. A súa principal forza é o desenvolvemento dunha tecnoloxía revolucionaria no ámbito do recoñecemento facial, especialmente na identificación sobre multitudes en tempo real a través de cámaras IP. O seu director xeral, asegura que son capaces de realizar “30 millóns de comparacións nun segundo”, unha cifra impresionante para unha tecnoloxía que hai moi poucos anos estaba apenas comezando e cuxa utilización estivo sempre baixo sospeita polo posible intromisión na privacidade das persoas. A instalación de cámaras nas rúas de distintas cidades, aeroportos ou recintos deportivos, entre outros espazos, foi sempre obxecto de controversia, aínda que a necesidade de aumentar a seguridade provocou que as reticencias diminúan. A iso súmaselle, ademais, a efectividade que mostran sistemas como o de Herta, baseado en deep learning, o que permite que os computadores vaian incorporando datos e aprendendo sobre eles.

As aplicacións de recoñecemento facial van máis aló da videovigilancia, aínda que polo momento estas sexan as máis estendidas. O control de accesos, a análise forense de rostros ou o biomarketing en contornas comerciais (recoñecer clientes para ofrecerlles publicidade segmentada, por exemplo) son algunhas das utilidades que xa se están desenvolvendo. dende a compañía cren que esta tecnoloxía seguirá medrando ata facerse habitual nas nosas vidas: “O recoñecemento facial vai popularizar e isto vai permitir que se use non só en aplicacións de seguridade en empresas e gobernos, senón seguramente tamén nas nosas casas. É posible que nun período de tempo non moi afastado abramos a porta de casa con recoñecemento facial”.

Talvez teremos máis seguridade, pero haberá que seguir preguntándose, cada vez máis, que pasará entón coa privacidade?

FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País