Blogia
vgomez

UN SUPER BURACO NEGRO 800 MILLÓNS DE VECES MAIOR QUE O SOL

Recreación do buraco negro recentemente descuberto / ROBIN DIENEL

Apenas uns instantes despois do Big Bang o Universo era unha nube turbia e moi quente de partículas súper enerxéticas que se expandía a unha velocidade enorme. E, segundo medraba, íase arrefriando aos poucos. Pero o Cosmos seguiu na escuridade, sen ningunha fonte de luz, ata que a gravidade condensou a materia para formar as primeiras estrelas e galaxias. A enerxía liberada por eses corpos celestes primixenios provocou un fenómeno no Universo chamado reionización, que consistiu en facer que cada átomo de hidróxeno neutro que circulaba polo Cosmos perdese un electrón permitindo así que os fotóns circulasen libremente polo espazo. O Universo convertíase por primeira vez en transparente ao paso da luz.

Ao noso planeta aínda chegan os escintileos daquelas primeiras fontes lumínicas. E grazas a eles séguense facendo descubrimentos crave para entender os primeiros pasos do Universo. A luz proveniente dun quásar (un dos obxectos cósmicos máis brillantes do Cosmos) permitiu a un telescopio situado no observatorio Las Campanas de Chile atopar o buraco negro supermasivo máis afastado xamais descuberto, un sumidoiro cósmico de materia e luz dun tamaño superior a 800 millóns de veces a masa do Sol. 

Este descomunal buraco negro reside nun cuásar que se formou cando o Universo tiña só 690 millóns de anos, un 5% da súa idade actual, cando o Cosmos estaba aínda saíndo do seu nacemento na escuridade.

O achado, realizado por un mozo investigador chileno da Carnegie Institution for Science (EEUU) e publicado na revista Nature, pon nun apuro as teorías actuais sobre o crecemento destes obxectos cósmicos. "Conseguir unha masa como esta en tan só 690 millóns de anos supón un reto enorme para as teorías científicas", recoñece o autor principal do descubrimento, Eduardo Bañados, nun comunicado. Para explicar este rapidísimo crecemento os físicos levan anos especulando sobre as condicións que debería ter o universo novo para permitir a creación de buracos negros dunha masa 100.000 veces superior á do Sol. Pero a realidade observable no espazo actual é que os buracos negros creados máis recentemente apenas superan as tres ou catro decenas de masas solares.

Os investigadores lograron pescudar a idade deste buraco negro precisamente rastrexando a gran cantidade de hidróxeno neutro presente nas súas inmediacións, unha sorte de carbono 14 cósmico que permitiu confirmar que se trata dunha fonte de luz que provén dos tempos nos que o Universo aínda estaba en pleno proceso de reionización.

FONTE: Miguel G. Corral/Xornal El Mundo

 

0 comentarios