O CICLOPROPENILIDENO, UNHA MOLÉCULA QUE PODERÍA SER UN ELEMENTO FUNDAMENTAL PARA A VIDA?
Ata o de agora, o ciclopropenilideno detectouse só en nubes moleculares de gas e po, como a Nube Molecular de Tauro, que é un viveiro estelar na constelación de Tauro a máis de 400 anos luz de distancia. Conor Nixon, xunto co seu equipo, atoparon agora esta molécula única na atmosfera de Titán; a primeira vez que se detectou fóra dunha nube molecular / Conor Nixon/GSFC/NASA / eltiempo.com
Unha estraña molécula en forma de anel recentemente descuberta en Titán podería resultar ser un elemento fundamental para a vida. O composto nunca fora observado ata o de agora en ningún planeta ou lúa do Sistema Solar, e foi descuberto tras dúas quendas de observacións co telescopio Atacama Large Millimeter/submillimeter Array, en Chile.
O achado, froito da colaboración de doce investigadores de varios países e dirixido por Conor A. Nixon, do Centro de Voos Espaciais Goddard, da NASA, acábase de publicar en The Astronomical Journal.
A molécula en cuestión, chamada ciclopropenilideno (C3H2) e que na Terra só se pode observar no laboratorio, está formada por tres átomos de carbono dispostos en forma de anel xunto a dous átomos de hidróxeno. Segundo os investigadores, atopala na atmosfera desa lúa de Saturno foi toda unha sorpresa, xa que o ciclopropenilideno é extremadamente reactivo e transfórmase rapidamente noutros compostos en canto entra en contacto con outras partículas.
Por iso, a molécula só se detectou ata o momento nas tenues nubes de gas e po do espazo interestelar, pero nunca na atmosfera dun planeta. Dalgunha forma aínda descoñecida, con todo, a estraña molécula conseguiu perdurar nas capas superiores da densa atmosfera de Titán.
Sábese que as moléculas en forma de anel, como o é esta, adoitan ser os compoñentes básicos das moléculas orgánicas máis complexas que son necesarias para a vida, como o ADN ou o ARN. "Trátase dun bloque de construción (da vida) realmente pequeno -explica Nixon- pero podes construír cousas cada vez máis grandes a partir del. Non creo que ninguén pense que debe haber necesariamente microbios en Titán, pero o feito de que se poidan formar alí moléculas complexas como esta podería axudarnos a descubrir como empezou a vida na Terra".
Como a Terra primitiva
As condicións de Titán, de feito, son extraordinariamente similares ás da Terra primitiva, cando o aire aínda estaba dominado por metano no canto de por osíxeno. Por iso, estudar as potencialidades da lúa de Saturno para crear e albergar vida pode axudarnos moito a comprender o que sucedeu no noso propio planeta.
Titán, asegura Nixon, posúe a maior variedade de moléculas de calquera lúa ou planeta que se investigou ata o de agora. "É unha especie de coto de caza da sorte, cargado de cousas novas. E moléculas como esta son case como un sinal de advertencia de que podemos atoparnos cunha química aínda máis emocionante", afirma o científico .
Por agora, esa "química emocionante" só pódese buscar desde os telescopios da Terra. Pero iso cambiará coa futura misión Dragonfly (Libélula), que será lanzada en 2027 e que examinará de preto a superficie de Titán.
FONTE: José Manuel Nieves/abc.es/ciencia
0 comentarios