En literatura chámase sinécdoque a unha figura retórica que consiste en referirse a un todo nomeando unha das súas partes (“tocamos a dez euros por cabeza”). E moi raro será se esta figura non se utiliza, do modo en que se fai no titular desta noticia, para referirse a curto prazo ao sistema de navegación por satélite que a Axencia Espacial Europea ten previsto completar no ano 2020. Ao fin e ao cabo, desde a expansión dos smartphones, a utilización do GPS fíxose tan popular que nos conectamos co espazo exterior para orientarnos en mapas, saber os quilómetros percorridos nun adestramento, atopar posibles parellas sentimentais ao redor ou mesmo cazar pokemons. E será difícil convencernos de que chamemos ás cousas doutra forma.

En realidade, aínda que para nós sexa o máis popular, o GPS (Global Positioning System) non é o único sistema de posicionamento a través de satélites que existe. A antiga Unión Soviética tamén desenvolveu outro, GLONASS, actualmente controlado pola Federación Rusa, e China ten previsto completar o seu, BEIDOU, en datas similares a GALILEO. Como moitos outros avances, a orixe destas tecnoloxías atópase na industria militar: o GPS foi desenvolvido e instalado polo Departamento de Defensa de Estados Unidos antes de que se estendesen os seus usos civís. Tal é a importancia estratéxica e económica de posuír satélites propios que permitan desenvolver un sistema de posicionamento fiable, que Paul Wolfowitz, subsecretario de defensa de EEUU, escribiu unha carta aos ministros da Unión Europea cando se comezou a xestar Galileo tratando de disuadilos do proxecto. O argumento utilizado era que os satélites europeos interferirían nas necesidades da OTAN nunha época de retos de seguridade globais e compartidos.

Afortunadamente as presións non fixeron efecto e hoxe a ESA está moi preto de poñer en funcionamento o proxecto. Unha vez completado o sistema, contará con 24 satélites operativos e unha infraestrutura de terra para prover servizos de posicionamento, navegación e determinación da hora. Os dous primeiros satélites foron lanzados o 21 de outubro de 2011 e a intención da ESA é completar a constelación o próximo ano. Galileo está baixo control civil e está financiado pola Unión Europea. O español José Ángel Ávila, enxeñeiro de Sinal e Seguridade dentro do programa da ESA, cre que a aposta europea representará un importante avance na economía do continente: “Galileo vai abrir un abanico de mercados que ata este momento non existiran”. E, mirando ao futuro, arríscase a vaticinar a utilidade dos satélites en futuras misións espaciais: “Estamos condenados a movernos. A Terra é a nosa berce pero imos saír de aquí. A navegación por satélite e a navegación en xeral ten aínda moitos terreos por desenvolver e descubrir”.

FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País