Cabeza de un Nasutoceratops

Cabeza dun Nasutoceratops / Imaxe: Andrey Atuchin/Xornal abc

Moitas especies animais exhiben unha notoria anatomía para atraer ao sexo oposto. Un enorme abanico de plumas ou unhas hastas impoñentes son algúns dos extravagantes e rechamantes ornamentos que non pasan desapercibidos no cortexo amoroso. Os seus propietarios utilízanos para berrar en silencio "mira o que teño, estou san e forte e non hai mellor pai para os teus fillos". Non é nada novo. Investigadores da Universidade Queen Mary de Londres cren que algúns dinosauros, como os triceratops, xa lucían os seus elaborados volantes e cornos na cabeza cun propósito sexual.

Durante moito tempo, os científicos suxeriran que os cornos e adornos dos dinosauros evolucionaron para axudarlles a distinguirse entre si e evitar a hibridación con outras especies, que só produce descendencia estéril ou non apta.

Para probar esta hipótese, os investigadores examinaron patróns de diversidade na ornamentación de 46 especies de ceratopsios, dinosauros con cornos, pero non atoparon diferenzas entre as especies que vivían xuntas e as que o facían separadas. De igual maneira, déronse conta de que os trazos ornamentais parecían evolucionar a un ritmo moito máis rápido que outros. Como estas estruturas son custosas de crear e manter, este achado apunta a unha forte presión selectiva. Con estas premisas, "é pouco probable que o recoñecemento de especies sexa responsable da ornamentación dos dinosauros", di o autor principal do estudo, publicado en Proceedings of the Royal Society B. En cambio, semellantes características podían ser un anuncio publicitario da forza e saúde do seu propietario, de forma que os máis grandes e notorios servisen para conseguir parella.
 
Eses adornos fixéronse máis elaborados e diversos a través dos séculos, ata o punto de que especies posteriores, como Chasmosaurus belli, lucían volantes de ata un metro de longo.

Os investigadores cren que as implicacións do achado esténdense máis aló do alcance dos ceratopsios e teñen consecuencias para o estudo da teoría da evolución ao longo de vastos períodos de tempo.

FONTE: Xornal abc/ciencia