Nun artigo de 2015 a revista Wired titulaba un texto sobre Ginkgo BioworksMóvete, Jony Ive. Os biólogos son as novas estrelas do deseño”. O titular contiña a un tempo unha advertencia e unha profecía. A advertencia ía dirixida a Jonathan Ive, director xefe de Deseño de Apple, un dos grandes gurús das tendencias creativas. A profecía indica un camiño que se está comezando a explorar pero que terá unha importancia crecente nos próximos anos: o mercado do deseño intelixente con organismos vivos. Unha tecnoloxía que Ginkgo Bioworks define na súa web como “deseño de microbios personalizados para clientes en múltiples mercados”.

A pregunta é como se fabrican estes microbios e como se lles pode domesticar para que sirvan ás nosas necesidades. A resposta tena Christina Agapakis, directora creativa da compañía: “o que facemos é deseñar ADN. O ADN é o código da célula, o que lle di que ten que facer. Así que nós podemos deseñar novos comportamentos para as células collendo ADN e xenes doutros organismos e poñéndoos dentro das bacterias”. Soa fácil, pero como aseguraba nunha entrevista a The Boston Globe Jeff Lou, responsable de robótica da compañía, “a bioloxía é a tecnoloxía máis poderosa do planeta e aínda non a entendemos. Deseñar e facer enxeñería con ela é difícil e debemos facelo con respecto”.

Os defensores destas novas tecnoloxías cren que terán aplicacións en numerosos campos: desde a agricultura á medicina, pasando pola cosmética, as enerxías renovables ou a produción alimenticia. Ao fin e ao cabo, como di Agapakis, a bioloxía “ten 4.000 millóns de anos de experiencia”, e non hai nada que sexa tan versátil, adaptable e imaxinativo para resolver problemas como a vida. Así que aparentemente só temos que imitala primeiro e superar as súas limitacións despois. Os biólogos convértense desta forma, como anticipaba Wired, en deseñadores e enxeñeiros, xa que pasan de observar e estudar a biosfera a modificala para os nosos propios intereses. Por suposto, semellante actividade esperta algunhas suspicacias e ten certas connotacións éticas, algo que non resulta novo nunha rama da ciencia, a xenética, afeita estar baixo os focos. Para mal… e para ben. Forbes publicou o pasado mes de decembro un artigo no que revelaba os centos de millóns de dólares que distintos investidores estaban a dedicar a empresas como Ginkgo Bioworks. Un capital que crecerá nos próximos anos ata facer da biotecnoloxía a gran industria do futuro. Vijay Pande, pioneiro da intelixencia artificial, afirmaba en Forbes que “a bioloxía se atopa agora no lugar en que se atopaba a ciencia dos computadores hai 50 anos. Por iso investir nela é unha gran oportunidade”. Parece que "hackear" a vida é xa un gran negocio; se deixan as decisións en mans dos científicos adecuados, seguro que será tamén unha gran axuda para facer do noso mundo un lugar mellor.

FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País