CASTROS DE GALICIA IV
Continúo coa serie OS CASTROS DE GALICIA. Hoxe tócalle ao castro de Baroña.
Iste castro está situado na parroquia de Baroña, no concello de Porto do Son, provincia da Coruña. O asentamento está construído nunha península, situándose a súa ocupación nos séculos I a.C. e I d.C.
Posuía dúas murallas ao seu redor e consérvanse 20 vivendas circulares ou alongadas.
No istmo que une o poboado ao castro escavouse un foxo de catro metros de ancho e tres de fondo que constitúe a primeira liña de defensa. A continuación hai unha muralla consistente en dous muros de cachotería case paralelos cun recheo de area e pedras. Pénsase que orixinariamente continuaba ata conectar coa muralla do poboado, creando un espazo probabelmente non ocupado con vivendas.
O poboado debeu de ser autosuficiente. Dentro do castro non hai auga, nin mananciais nin alxibes, polo que debeu ser preciso ir a procura no exterior. Pénsase que a alimentación tiña como principal fonte o mar: lapas, mexillóns, caramuxos e peixes; tamén se consumían bóvidos, cabras, ovellas e landras.
Hai restos de metalurxia (fornos), traballo da pedra e de tecido (fusaiolas).
Mañá outro castro!
0 comentarios