Valentín Fuster é internacionalmente recoñecido como un dos médicos, investigadores e promotores da educación da saúde máis prestixiosos do mundo: é o único  cardiólogo que recibiu os máximos galardóns de investigación das catro principais organizacións internacionais desta especialidade. Actualmente é Director do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC) en España e director do Instituto Cardiovascular do hospital  Mount  Sinai de Nova York (Estados Unidos). As súas investigacións sobre a orixe do infarto de miocardio valéronlle o Premio Príncipe de Asturias de Investigación.

A misión do Dr. Valentín Fuster é integrar a investigación coa promoción da saúde a través da educación. Neste sentido, destaca a súa participación en proxectos de divulgación da saúde para nenos e mozos como presidente da Fundación Internacional  SHE (Sciencie,  Health  and  Education) ou asesor científico na serie infantil Barrio Sésamo, entre outros. É autor e coautor de títulos como A ciencia da saúde, Corazón e mente, Monstros  supersanos ou A cociña da saúde.

"O corazón serve para dar cantidade de vida; o cerebro, calidade de vida". Con esta frase, o  Dr Fuster resume a súa esperanza na educación da saúde, e especialmente, no coidado dos factores de risco cardiovascular, como as grandes pancas para o cambio e a mellora integral da vida das persoas.