Las manchas de sangre de la Sábana santa no parecen reales

Sábana Santa / Imaxe: quo.es

Un estudo, realizado por dous italianos expertos en medicina forense, chegou á conclusión de que polo menos a metade das manchas do Santo Sudario, a tea que segundo a tradición católica serviu para envolver o corpo de Cristo, son falsas.

O estudo, publicado no  Journal of Forensic Sciences, foi realizado por  Matteo  Borrini, da Liverpool John  Moores  University, e por Luigi  Garlaschelli, do Comité para o Control das Afirmacións sobre as  Pseudociencias (CICAP), e divulgado hai uns días polo diario italiano La  Stampa.

"Hai moitas contradicións que indican que o Santo  Sudario non é auténtico, e de que se trata dunha representación artística ou didáctica da paixón de Cristo realizada cara ao século  XIV", concluíron os investigadores. As técnicas de datación por  radiocarbono xa dataron a súa antigüidade no período comprendido entre os anos 1260 e 1390.

Garlaschelli prestou o seu propio corpo para facer o experimento no que se usou sangue verdadeiro e artificial.

Os investigadores baseáronse na mesma metodoloxía que se usa para as escenas de crimes, e determinaron que moitas manchas de sangue non son compatibles coa posición dunha persoa crucificada.

"Simulamos a crucifixión con cruces de distintas formas, de diversos tipos de madeira e con diferentes posicións do corpo: brazos horizontais, verticais, sobre a cabeza", contaron os expertos.

A soada reliquia, que se custodia en Turín (norte de Italia) é un lenzo de 436 centímetros de longo por 110 de ancho, e representa a un home que foi crucificado con cravos nas mans e nos pés.

O lenzo, que segundo varias explicacións científicas sería "falso", foi fotografado en 1898 por primeira vez e a imaxe do  sudario coincidiu cun "perfecto negativo", o que foi tachado de "milagre".

Desde entón a reliquia esperta todo tipo de debates, tanto científicos como teolóxicos, polo que a Igrexa católica non manifestou oficialmente a súa aceptación ou rexeitamento, considerando que se trata dunha manifestación de devoción popular.

En 1988, tres laboratorios de Estados Unidos, Suíza e Inglaterra estableceron que o liño foi fabricado na Idade Media, entre 1260 e 1390.

Borrini e  Galarchelli consideran que o sangue acumulado baixo a cintura non se xustifica coa posición, nin a que se atopa nos riles, aínda que precisaron que non analizaron a substancia que formou as manchas. "Parecen creadas en forma artificial, cun dedo ou un pincel", subliñaron.

FONTE: AFP/elmundo.es