Blogia
vgomez

A RA TOURO XA ESTÁ EN ESPAÑA

Una rana toro.

Unha ra touro / Imaxe: Carl D. How (SEO/BirdLife)

A ra touro (Lithobates catesbeianus), unha das 100 especies invasoras máis agresivas segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), reproduciuse por primeira vez no medio natural en España, no Delta do Ebro, segundo confirmou SEO/BirdLife. E se non se toman medidas para erradicala, a súa invasión suporía "un desastre ecolóxico". "A súa chegada pode causar graves desequilibrios nos ecosistemas onde se introduce así como importantes impactos sobre o hábitat, a biodiversidade e a saúde humana”, explica esta organización dende Cataluña.

Ata o momento só se detectou algún exemplar illado en estado salvaxe en España, chegando ao medio natural porque se lle escaparon a alguén que os cría en catividade ou porque os seus donos soltáronos.

O pasado mes de xuño localizáronse catro cágados coas características desta especie durante a elaboración de estudos biolóxicos na zona. Un mes máis tarde, confirmouse a presenza da ra touro no filtro verde do hemidelta esquerdo. Dende ese momento, expertos e persoal do parque natural practicaron diversas actuacións. Entre elas, o estudo do funcionamento hidrolóxico da zona afectada, a vixilancia para determinar o alcance da introdución da especie ou o peche da circulación de auga do filtro verde.

"Estamos ante unha fase inicial de expansión da ra touro no Delta, ao tratarse dun núcleo moi localizado e que aínda se podería controlar", indican desde SEO/BirdLife.  Ata o momento capturáronse 406 cágados e catro exemplares adultos. Os traballadores do Parque Natural do Delta do Ebro puxeron un valo no perímetro onde se atopan os anfibios para que non se poidan expandir a outras zonas. Tamén se está estudando eliminar aos cágados salinizando a zona.

A organización urxe ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e á Xeneralitat a poñer en marcha todas as medidas necesarias para erradicar esta especie invasora antes de que os danos sexan "incontrolables".

Ademais de ser considerada unha das especies invasoras máis agresivas, a ra touro tamén figura no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. "Os exemplares ocuparían o nicho ecolóxico doutras especies autóctonas. Alimentaríanse delas e desprazarían a anfibios cos mesmos hábitos que elas", indican dende a organización. Esta especie é orixinaria de América do Norte, pero na actualidade está presente en moitas partes do mundo. Especialmente en Europa Occidental. Esta gran expansión débese á cría en catividade para o consumo humano ou como mascota.  A ra touro posúe unha gran capacidade de adaptación e é capaz de viaxar longas distancias.

FONTE: Isabel Rubio/elpais.es/ciencia

0 comentarios