Blogia
vgomez

PLAN GALEGO DE POTENCIACIÓN DAS LINGUAS ESTRANXEIRAS

PLAN GALEGO DE POTENCIACIÓN DAS LINGUAS ESTRANXEIRAS

Máis de 40.000 alumnas e alumnos  galegos de Primaria e da ESO terán mellorado no curso 2012/ 2013 as súas competencias lingüísticas grazas ao Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, aprobado este xoves polo Consello da Xunta. Este proxecto, que dá resposta aos 'Obxectivos de Lisboa' en materia de aprendizaxe de linguas, establecidos pola Unión Europea, suporá un investimento de máis de 51,5 millóns de euros nesta lexislatura. Deste xeito, e malia á crise económica actual, o Goberno galego demostra a súa decidida aposta e compromiso coa aprendizaxe doutros idiomas, cunha estratexia pensada ata o ano académico 2012/2013.

O Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras suporá incrementar en preto de 29.000 o número de alumnas e alumnos galegos que terán estudado materias non lingüísticas en inglés –en centros plurilingües e seccións bilingües-, respecto dos que o facían no curso 2008/2009.

O alumnado adquirirá as competencias lingüísticas necesarias nos 160 primeiros centros plurilingües que se van crear, e nas 1.800 seccións bilingües con que contarán os centros educativos de Galicia de aquí ao ano 2013, co que se incrementará nun 150% as que existían ao inicio da lexislatura. Así, o 20% da poboación escolar de Primaria e da ESO que estuden no 2012/2013 en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia tería cursado ensinanzas nas seccións bilingües e centros plurilingües, grazas ao Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Por outra banda, no período 2009/2013 posibilitarase a formación de arredor de 6.600 profesionais dos distintos eidos laborais noutros idiomas para desenvolveren con éxito o seu traballo. Así mesmo, a Consellería de Educación demostra o seu apoio ao profesorado, permitindo o acceso a cursos ata a 13.000 docentes, nun itinerario formativo para desenvolveren as súas clases en linguas estranxeiras.

Eidos de actuación

Para conseguir os obxectivos do Plan, a Consellería de Educación vai pór en marcha ata 15 medidas diferentes, coas cales vai actuar sobre factores clave do sistema educativo galego. Medidas que van incidir sobre varios eidos. Sobre os centros educativos, coa creación de centros plurilingües, o incremento e mellora de seccións bilingües, ou a ampliación da oferta das escolas oficiais de idiomas.

Respecto do profesorado, con itinerarios formativos dirixidos aos docentes, colectivo fundamental que tamén vai adquirir as devanditas competencias en linguas; en canto ao alumnado, a través tamén de formación e estadías en ámbito lingüístico; e sobre os colectivos profesionais. Todos eles poderán, ademais, acreditar as competencias adquiridas nos itinerarios formativos nas escolas oficiais de idiomas e/ou en institucións de recoñecido prestixio.

Por outra banda, O Plan Galego de Potenciación de Linguas Estranxeiras contempla un seguimento transversal para avaliar o seu funcionamento, velando sempre pola utilidade dos investimentos públicos.

Reforzo das EEOOII

Ademais da devandita creación de centros plurilingües e incremento das seccións bilingües, o Plan reforzará as escolas oficiais de idiomas, centros en que o profesorado poderá seguir itinerarios formativos para mellorar as súas competencias lingüísticas e posteriormente acreditalas, ben sexa a través das propias EEOOII, ou a través doutras institucións de recoñecido prestixio.

Co fin de prestar un mellor servizo nestes centros, Educación vai ampliar a oferta destes centros tanto en ensinanzas regradas, con máis grupos, como con novas seccións, o vindeiro curso en Nigrán e Negreira.

Auxiliares de conversa

A Consellería de Educación apoiará o profesorado e o alumnado dos centros plurilingües e as seccións bilingües con auxiliares de conversa nativos da lingua estranxeira correspondente. Entre eles, os centros contarán tamén coa figura dos mestres xubilados, que desenvolverán o seu labor de apoio basicamente nos centros do medio rural.

Así, ao final da lexislatura a Consellería prevé ter á disposición dos devanditos centros máis de 450 destes auxiliares. Xa no vindeiro curso haberá máis de 200 destes auxiliares, o que supón un incremento do 201% respecto dos que había no curso 2008/2009.

Itinerarios formativos

Para a construción dun itinerario formativo dirixido aos docentes, o Plan contempla, ademais de actuacións nas EEOOII, adquisición de competencias a través dos cursos para a formación complementaria da aprendizaxe de linguas estranxeiras (programa CUALE), e do Programa de Apoio ao Ensino e Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PALE).

Ademais, os docentes poderán mellorar a súa formación mediante as estadías en ámbitos lingüísticos, das cales se beneficiarán máis de 3.500 docentes ata 2013. Respecto do alumnado, as devanditas accións completaranse mediante o programa CUALE, que proporciona formación complementaria para a aprendizaxe das linguas estranxeiras, ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional; e con estadías formativas en ámbito lingüístico, ben no estranxeiro, ben nos coñecidos como ‘pobos ingleses’ –‘English Town’. Esta iniciativa consiste na convivencia dos escolares con profesores de inglés nun enclave galego, durante a que só falarán nesta lingua estranxeira.

O compromiso da consellería con este itinerario formativo quedou xa de manifesto coa nova convocatoria de estadías, xa que este ano a convocatoria beneficiará 3.077 estudantes, un 16% máis respecto do curso pasado. Ademais, por primeira vez este ano non só se realizarán as actividades entre xuño e agosto, senón que tamén se desenvolverá unha quenda no mes de setembro, o que permitirá aos nenos e nenas galegos participaren no sistema educativo de Irlanda –os estudantes da ESO- ou Canadá –no caso dos de Bacharelato-, e compartiren as experiencias dos estudantes deses países.

Investimento

O Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras forma parte da estratexia do Goberno galego para garantir unha educación de calidade. Por iso, e malia a crise económica, a Consellería de Educación vai dedicar a novas medidas para a mellora das competencias lingüísticas dos galegos máis de 51,5 millóns de euros.

Así, investiranse 2,3 millóns de euros en cursos para docentes e profesionais nas EEOOII, e outros máis de 19 millóns de euros en diferentes accións para a formación dos docentes. Ademais, respecto do alumnado, destinaranse case 4 millóns de euros á creación de novos centros plurilingües e seccións bilingües, e case 20 millóns para estadías para que as alumnas e alumnos melloren as súas competencias lingüísticas.

Deste xeito os maiores incrementos do Plan ata 2013, pola novidade das accións, irán parar á creación de centros plurilingües e seccións bilingües, e a apoialas con auxiliares de conversa; liñas, por certo, todas elas contempladas nas accións do Consello de Europa.

Os investimentos máis fortes irán dirixidos á creación de centros plurilingües e á mellora da formación do profesorado e do alumnado en ámbitos lingüísticos, así como á mellora das escolas oficiais de idiomas.

FONTE: Consellería de Educación e O. Universitaria.

0 comentarios