Blogia
vgomez

POR QUE ESCINTILAN AS ESTRELAS?

POR QUE ESCINTILAN AS ESTRELAS?

Escintileo das estrelas / Imaxe: portalastronomico.com 

 

Unha das preguntas tipo na parte de astronomía das Ciencias da Natureza é “Diferenzas entre un planeta e unha estrela?” Das moitas diferenzas a considerar na contestación, hai unha repetitiva: “As estrelas escintilas e os planetas non!” Pero cal é a explicación desta afirmación?

Se observan o ceo nunha noite despexada (e sen contaminación lumínica; é dicir, fose das grandes cidades), poderán ver como unha infinidade de puntiños brancos enchen o firmamento. E se se fixan aínda máis decataranse como uns parecen pestanexar e outros non. A que é debido isto? Ben, en primeiro lugar diremos que as estrelas son as únicas que escintilan, mentres que os planetas permanecen como puntos fixos na bóveda celeste. A razón pola que vemos pestanexar as primeiras é debido á distorsión que a nosa atmosfera produce sobre os raios luminosos que nos chegan delas. A medida que a luz dunha estrela (que é en realidade radiación) vai atravesando cada unha das capas da atmosfera terrestre, vaise refractando e cambiando de dirección, posto que cada unha destas capas ten turbulencias, temperatura e unha densidade diferente, motivo polo cal parece que escintile.

Realmente, os nosos ollos perciben un feixe que cambia continua e rapidamente de posición no ceo e por iso dános a sensación de brillo continuo. Isto é un crebacabezas para os astrónomos porque este efecto distorsionador da atmosfera (chamado seeing) afecta ás observacións de obxectos astronómicos, por iso o telescopio espacial Hubble situouse no espazo.

No referente aos planetas (do Sistema Solar), aparecen como puntos máis grandes e non escintilan porque ao estar máis próximos a nós que as estrelas, presentan unha superficie e un feixe moito maior que non se ve afectado por estas perturbacións. O dato curioso é que, se puidésemos ver as estrelas dende o espazo, a súa luz permanecería inmóbil posto que non teriamos a influencia da atmosfera.

FONTE: Los porqués del tiempo / Jovi Esteve/ Xornal El País

0 comentarios