Blogia
vgomez

NON TE DEITARÁS SEN SABER UNHA COUSA MÁIS (IX)

NON TE DEITARÁS SEN SABER UNHA COUSA MÁIS (IX)

Átomo de Helio / Imaxe:sofialabrado.wordpress.com

Desde a antiga Grecia ata o Renacemento, a idea de que as distintas sustancias que nos rodean están formadas por combinacións diferentes de catro elementos básicos (terra, auga, lume e aire) en distintas proporcións non parecía desatinada, pero esta hipótese foi desbancada por completo grazas ao desenvolvemento da química. O número de elementos coñecidos ascende a 120 a día de hoxe e, aínda que só eramos conscientes da existencia duns 13 ata o século XVII, entre os séculos XVIII e XIX conseguíronse illar case todos os elementos que aparecen en cantidades considerables e de maneira natural en superficie terrestre (uns 90).

Pero, de entre todos estes elementos, o helio é o único que se observou por primeira vez fóra da Terra.

A principios do século XIX descubriuse que distintas sustancias químicas tenden a absorber lonxitudes de onda (ou cores) diferentes cando a luz pasa a través deles. Este fenómeno viña moi ben aos científicos porque xa non tiñan que separar químicamente, purificar e concentrar os elementos que compoñían unha sustancia para ver de que estaba feita, un proceso que podía volverse moi longo e custoso. Agora bastaba con queimalas, proxectar a súa luz nunha cámara escura e ver que cores faltaban.

En 1868, o astrónomo Norman Lockyer estaba a usar esta técnica para analizar a luz solar durante unha eclipse, precisamente para coñecer a mellor a composición da nosa estrela. Pero, ao descompoñer a luz do sol, notou que lle faltaba un ton específico de amarelo que non se podía explicar pola absorción de ningún outro elemento coñecido naquela época. Lockyer deduciu que esta cor estaba a ser absorbido por un elemento descoñecido que bautizou co nome de helio, en honra á palabra helios coa que os gregos se referían ao Sol. E, en efecto, en 1895, un químico chamado William Ramsay logrou illar un gas a partir dun mineral que contén uranio que, efectivamente, absorbía os mesmos cores que ese elemento que estaba a deixar a súa marca na luz solar.

Curiosamente, aínda que é o segundo elemento máis abundante do universo tras o hidróxeno, o helio é un ben escaso na Terra porque se atopa en forma de gas en condicións normais e, ao ter unha densidade tan baixa, calquera rastro de helio que hai na atmosfera elévase no ceo e escapa ao espazo.

É por iso que, na Terra, o helio só se atopa alí onde hai elementos radioactivos na cortiza terrestre, xa que os seus núcleos inestables tenden a desfacerse de dous protones e dous neutróns (un núcleo de helio). Este helio producido pola radiación tende a acumularse aí onde pode, por exemplo os depósitos de gas natural, e desta maneira podemos extraelo para elevar zepelines no aire, arrefriar os nosos escáneres de resonancia magnética... Ou respiralo para que a nosa voz soe moi aguda.

FONTE: revista Muy Interesante/Ciencia

0 comentarios