CRAIG VENTER, DESCUBRIDOR DO XENOMA HUMANO
“Craig Venter é un imbécil. Un idiota”. Con semellante contundencia expresábase un dos científicos que formaron parte do proxecto Xenoma Humano. As súas palabras, recollidas por Richard Preston do New Yorker, deixaban claro a pouca simpatía que o carácter orgulloso de Venter espertaba entre algúns dos seus colegas. O famoso xenetista, en cambio, definiuse a si mesmo dunha forma ben distinta na súa autobiografía: “Era un surfeiro no instituto. Fun surfeiro en Vietnam e son un surfeiro hoxe”. Na guerra de Vietnam, ademais de facer surf, como o tenente coronel Kilgore da mítica Apocalypse Now, Venter estivo a piques de quitarse a vida. Asqueado por tentar salvar infructuosamente desde o seu posto de médico de campaña aos seus compañeiros, e canso do absurdo dun conflito que non tiña fin, botouse ao mar decidido a nadar ata a extenuación e morrer. Pero cando xa estaba moi lonxe da costa, unha quenlla comezou a nadar en círculos ao seu ao redor: “Por un momento, enfadeime porque aquela quenlla estaba a arruinar o meu plan. Logo suminme no pánico. Que estaba a facer? Quería vivir”, escribiu en 2007. Así que despois de nadar de volta: “Deiteime na area, espido, durante un tempo que me pareceron horas. Estaba esgotado e aliviado ao mesmo tempo. Quería que a miña vida significase algo; quería marcar a diferenza. Sentíame puro e cheo de enerxía”.
Agora Venter, ademais de surfeiro, é talvez o científico máis famoso do mundo. Se houbese un ránking de popularidade da ciencia, podería situarse neste século XXI á altura de Einstein o século pasado. E só non polo calado dos seus descubrimentos, esenciais para elaborar o mapa do xenoma humano e comprender a orixe da vida, senón pola súa facilidade para acaparar portadas, xerar titulares e encher salas de conferencias alá onde vaia. Venter é un verdadeiro rock star da xenética. Poida que o único no seu campo.
En 2001, cando Venter anunciou que descifraran despois dunha longa investigación o xenoma humano, abríronse as portas para a curación dun bo número de enfermidades. Aquel fito tan desexado era só o inicio. Xusto despois, tras recibir todo tipo de premios e homenaxes, o científico anunciou que se embarcaba nunha longa viaxe con dous obxectivos: descubrir novos xenes en organismos mariños (completar os cabos soltos que deixou Darwin, afirmaba) e atopar algunhas bacterias que modificadas xeneticamente puidesen servir como fonte de enerxía (solucionar o problema do cambio climático, chamouno el). E por fin, en 2010, un artigo na revista Science anunciaba que Venter conseguira crear no seu laboratorio unha célula bacteriana con xenoma sintético. A vida artificial chegara.
Actualmente as investigacións de Craig Venter están orientadas a previr e tratar enfermidades de forma prematura grazas á xenética, co que, asegura, gañaremos en saúde e aforraranse custos no sistema médico. Pero as súas propostas, coma sempre, van máis aló: “unha das claves do medicamento do futuro será que podamos descargarnos vacinas e medicamentos en nosa propia casa a través de Internet”.
FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País/Ciencia
0 comentarios