CANTO SABES DE METEOROLOXÍA? X
Continúo coa serie adicada á meteoroloxía, esa ciencia interdisciplinaria, da física da atmosfera, que estuda o estado do tempo, o medio atmosférico, os fenómenos producidos e as leis que o rexen.
A contestación correcta á pregunta de onte é Cicloxénese explosiva. Outro termo usado para estas depresións que se profundan moi rapidamente, é de “bomba” meteorolóxica. Un exemplo foi Xynthia. O sábado 27 de febreiro de 2010 formábase unha depresión ou borrasca ao oeste das Illas Canarias cun centro de 990 mb de presión. Tan só 18 horas despois xa estaba situada no Cantábrico cun centro de 970 mb de presión. É dicir, en menos de 24 horas a presión descendeu 20 mb e a borrasca recorreu miles de km a moita velocidade. Ese sábado, en Galicia, houbo refachos de vento de máis de 130 km/h, chuvias intensas e temporal forte no mar, aínda que as consecuencias máis devastadoras chegaron a Francia con decenas de persoas falecidas.
E imos coa pregunta de hoxe!
10. Unha nube é un hidrometeoro que consiste nunha masa visible composta de cristais de xeo ou pingas de auga microscópicas suspendidas na atmosfera. Como se chama a nube da imaxe?
- Cirros.
- Nimbos.
- Lenticulares.
Mañá a solución e unha nova pregunta!
FONTE: Idea orixinal Esther Garín/rtve.es e wikipedia.org Imaxe: meteorologiaenred.com
0 comentarios