Blogia
vgomez

17 DE MAIO: DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2021

Pois se me declaro inconforme co mundo, se me declaro contradictoria e filla das miñas contradicións (…) a poesía convérteseme nunha táboa de salvación no naufraxio das razóns estritas. Necesidade que xorde da urxencia por entende-lo humano contraposto, pero tamén, e quizais antes, do descontento coa orde establecida, calquera que sexa.                                                                     

Iste ano 2021 adícaselle o Día das Letras Galegas a XELA ARIAS.

Os seus pais foron Valentín Arias López e Amparo Castaño López. As terras das familias paterna e materna estaban nas parroquias de Maside, Ortoá e Meixente (lugares da Vilerma, Barreiros e Mouzós). Naceu en Lugo, no sanatorio Alonso-Pimentel, inda que inscribiron o nacemento en Sarria, co nome de María de los Ángeles, que mudou en 1984 polo de María dos Anxos, se ben foi chamada Xela desde os seis anos. Finalmente, en 1995 o xuíz Alejandro Roa Nonide autorizou o cambio de nome polo de Xela.

Criada en galego, estudou na Granxa de Barreiros, no Colexio Fingoi de Lugo, entre os catro e os sete anos. En 1969 a familia mudouse a Vigo, por ser destinado o pai como mestre á escola de Moledo, en Sárdoma (hoxe CEIP Sárdoma-Moledo). En 1976 ingresou no Instituto Castelao do barrio do Calvario. Facendo o COU abandonou os estudos, e comezou a traballar en Edicións Xerais de Galicia, desde o seu nacemento en 1979, canda Xulián Maure Rivas e Roberto Pérez Pardo, primeiro como oficinista, despois en creación e investigación e de 1990 a 1996 como correctora de estilo e editora.

Dende 1980 publicou en xornais e revistas coma A Nosa Terra, Diario 16 de Galicia, Faro de Vigo, Jornal de Notícias do Porto, Dorna, Tintimán, Carel ou Katarsis, colaborou en publicacións coma Festa da Palabra Silenciada, Luzes de Galiza ou Boletín Galego de Literatura e formou parte do consello de redacción de Viceversa, revista galega de tradución.

Participou nun recital poético nun acto contra a entrada de España na OTAN en 1982; en 1988 inscribiuse en Greenpeace; en 2002 participou nun recital en solidariedade cos afectados polo desastre do Prestige no MARCO; noutro Contra a Burla Negra, organizado por Pepe Álvarez Cáccamo e máis ela en febreiro de 2003; ese mesmo mes e ao seguinte, leu declaracións en senllas manifestacións contra a Guerra de Iraq.

En 1986 ingresou na Asociación de Escritores en Lingua Galega. En 1991 rexistrou as letras para o grupo musical Desertores e retomou os estudos, iniciando Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo, licenciándose en 1996 pola Universidade de Santiago de Compostela,e iniciando a especialidade en galego-portugués.

No verán de 1992 casou co fotógrafo e matemático ourensán, residente en Vigo, Xulio Gil Rodríguez (1954), con quen en 1994 tivo o seu único fillo, Darío; separáronse no ano 2002.

No curso 1999-2000 comezou a exercer como profesora substituta de ensino secundario, de lingua e literatura castelá, nos institutos Terra de Xallas (Santa Comba), Paralaia (Moaña), Valle-Inclán (Pontevedra), Xelmirez II (Santiago de Compostela) e Valadares II (Vigo). En anos seguintes foi docente en Chapela (Redondela), A Sangriña (A Guarda) e Álvaro Cunqueiro (Vigo).

En novembro do ano 2003 Arias finou dun ataque ao corazón nun hospital de Vigo, con corenta e un anos de idade. Foi soterrada no cemiterio vigués de Pereiró.

Se queres coñecer toda a súa obra preme AQUÍ.

FONTE: academia.gal e gl.wikipedia.org

0 comentarios