CANTO SABES SOBRE AS RELIXIÓNS DO MUNDO? XV(FIN)
Remato coa serie adicada ás relixións do mundo, na que podeches averiguar canto sabes delas e tamén aumentar os teus coñecementos sobre o tema.
A contestación correcta á pregunta de onte era Xudaísmo-Tora, Cristianismo-Biblia, Islam-Corán, Budismo-Tipitaka e Hinduísmo-Vedas. Matizar que, respecto ao Xudaísmo, o Tanakh tamén coñecido como Mikrá, é o conxunto dos vinte e catro libros sacros canónicos no xudaísmo, dividido en tres grandes partes: a Torá (Lei), os Nevi’im (Profetas) e os Ketuvim (Escritos). Respecto ao Budismo, o Tipitaka, tamén coñecido como Canon Pali, é o tripla conxunto de textos escritos en idioma pali e compostos no norte da India que recollen as ensinanzas de Buda, divididos en Vinaia-pitaka ou regras monásticas, Sutta-pitaka ou sermóns atribuídos a Buda e Abhidhamma-pitaka ou parte doutrinal e conceptual que fundamenta o budismo. Referente ao Hinduísmo, os primeiros escritos hinduístas son catro textos coñecidos como Vedas, compostos con anterioridade ao ano 1.000 a.C. Son os primeiros exemplos da tradición escrita hinduista, o Rig Veda é o máis antigo dos Vedas, contén máis de mil himnos escritos en sánscrito dirixidos aos deuses dos catro elementos: lume, terra, auga e aire. O Sama Veda, ou Veda das melodías, é unha recompilación de estrofas (tomadas case todas do Rig Veda) é como un libro de cantos. O Yajur Veda, ou Veda das fórmulas, recolle principalmente as fórmulas dos sacrificios. O Atarva Veda recolle o saber dos sacerdotes, contén fórmulas máxicas e esconxuros.
Espero que esta serie fose útil. Ata a próxima serie!
FONTE: es.wikipedia.org e canalinstitucional.tv Imaxe: es/wikipedia.org
0 comentarios