PALABRA DO ANO 2023: CIBERCARRACHO
O lema ciberdelincuente figura dende hai un tempo no Dicionario da Real Academia Galega para designar a persoa que comete un acto delituoso por medio das tecnoloxías da información e da comunicación, pero a inventiva para sensibilizar sobre o problema dos ciberataques e outros delitos informáticos creou nos últimos meses un neoloxismo de rexistro coloquial que tira do humor para gañar eficacia neste desafío: cibercarracho, -a! E esta é a voz que elixistes Palabra do Ano 2023, nun momento en que grandes empresas de múltiples sectores e institucións públicas e privadas de todo o mundo están a ser obxecto de graves agresións deste tipo de delicuentes, que tamén afectan cada vez máis particulares.
O vocábulo fíxose con máis do 40 por cento dos votos rexistrados na votación que organizamos dende o Portal das Palabras. A segunda voz máis apoiada foi feitiño, -a, con algo máis do 30 % dos votos, seguida de biodiversidade, dereitos humanos, educación emocional e cooficialidade.
Cibercarracho fórmase partindo do prefixo ciber-, resultante do acurtamento cibernético, e o substantivo carracho, que nomea un arácnido da orde dos ácaros do que existen varias especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves, tamén denominado carracha, carraza, carrapato ou carrapata.
Da idoneidade de elixir este becho capaz de transmitir distintas enfermidades para se referir a quen delinque dá conta o refraneiro, que confirma a mala sona da que gozou tradicionalmente. As molestias e os danos que ocasionan as carrachas reflíctense en proverbios como Gando cativeiro, de carrachos cheo ou Ano pobre e ovella fraca, todo é carrachas. E as calidades negativas que se lles atribúen tamén están presentes dalgún xeito nesoutro dito que se aplica a quen presume do que non ten: Chufa, carracha, que logo vén o verán!
Retirarlles as carrachas a un animal require de moita paciencia, de aí que o nome deste ácaro tamén estea presente noutra expresión ben diferente, aplicable a unha persoa moi perfeccionista: Ándalle catando os carrachos ao can.
Cibercarracho, -a incorpora agora esta palabra popular nun novo tempo marcado pola tecnoloxía, chea de oportunidades pero tamén de ameazas, que van deixando pegada no Dicionario.
FONTE: portaldaspalabras.gal
0 comentarios