CANTO SABES DA LITERATURA ESPAÑOLA? XIV
Continúo coa serie adicada á Liretatura Española. A literatura é un dos ámbitos que máis destacaron en España, e é que o noso país tivo grandes escritores e escritoras recoñecid@s internacionalmente en cada século da historia, nunha ampla variedade de xéneros entre narrativa, teatro, poesía ou ensaio, así como movementos que penetraron no noso país como o Romanticismo, o Neoclasicismo ou o Modernismo.
A contestación correcta á pregunta de onte é A familia de Pascual Duarte. Novela de Camilo José Cela, escrita en lingua castelá co título de La familia de Pascual Duarte e publicada en 1942. A obra foi traducida ao galego por Vicente Risco, e publicada en 1962 con prólogo de Ramón Otero Pedrayo e ilustracións de Rafael Zabaleta. A novela está considerada como creadora do xénero do tremendismo, que bebe da tradición realista española: a picaresca, o naturalismo do século XIX e a novela social da década de 1930. A obra nace no contexto da posguerra, enmarcada entre o existencialismo e o extremo realismo. Pascual Duarte é un home da Estremadura rural, que carece de toda habilidade social e que só coñece a violencia como único recurso para solucionar os problemas aos que debe facer fronte. A novela ten varios narradores, o principal deles o propio protagonista, Pascual Duarte, quen conta a historia da súa vida cunha linguaxe que evoca a fala rural, e que recorre decote a comparacións coa natureza e frecuentemente ao uso do refraneiro castelán.
Camilo José Cela Trulock, nado en Iria Flavia o 11 de maio de 1916 e finado en Madrid o 17 de xaneiro de 2002, foi un escritor galego de sona. Escribiu en castelán algunhas das obras canónicas da literatura de posguerra como La colmena, Mazurca para dos muertos ou La familia de Pascual Duarte. Recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1989.
E imos coa pregunta de hoxe!
14. Benito Pérez Galdós gañou o Premio Nobel de Literatura en 1912?
- Verdadeiro
- Falso
Mañá a solución e unha nova proposta!
FONTE: Idea orixinal larazon.es/cultura, es.wikipedia.org e propia Imaxes: cervantesvitual.com e es.wikipedia.org
0 comentarios