Blogia
vgomez

HERBAS MEDICINAIS

HERBAS MEDICINAIS

Hoxe comenzo unha nova sección: HERBAS MEDICINAIS. Cada día están máis de moda, volvendo ás prácticas dos nosos antepasados. Un coñecemento das mesmas pódennos axudar. Para empezar falaremos dunha planta que dá (é unha das hipóteses) nome ao noso centro: SANGUIÑO.

 

Sanguiño Frangula alnus Miller

(En castelán Arraclán, Avellanillo)

Outros nomes: Sangubiño, Sangumio, Sanguño

 

O sanguiño é un arbusto de 1 a 6 m de talle, lampo, con talos e ramiños de cor parda avermellada con numerosas lentícelas de cor abrancazada. Follas alternas, ovaladas, con pecíolo moi curto, caducas, de cor verde brillante pola face e polo envés, con bordo enteiro e nervación moi marcada. As flores agrúpanse en inflorescencias umbeliformes axilares, de 2 a 10 flores pequenas pouco vistosas, hermafroditas e pentámeras. Cáliz de 5 sépalos libres, de cor verdosa. Corola de 5 pétalos libres, abrancazados, ovais, maís cativos ca os sépalos. Andoceo de 5 estames. Ovario súpero con estilo simple.

Froito de drupa con 2-3 endocarpos, de 6 a 8 mm de diámetro e de cor vermella que se ennegrece ao madurar.

Flocerece na primavera, podendo alongarse a floración ata setembro. Os froitos maduran a finais do verán

USOS

A codia, desecada ao sol, das ramas e troncos novos figura na farmacopea española polas súas propiedades purgantes e laxantes. Os principios activos son compostos antracénicos, derivados da oximetilantroquinona: frangulósidos A e B, glucofrangulósidos A e B, frangulaemodina e vaisofenol. Débese empregar a codia desecada e conservada un ano antes de empregala; non empregar a codia fresca pois actúa enerxicamente producindo cólicos e vómitos.

Empréganse as decoccións, extracto fluído ou o po, en caso de estreñimento ou en disquinesias biliares grazas á súa acción colagoga. Está contraindicado o seu uso no embarazo, lactación, menstruación, úlcera gastroduodenal e hemorroides.

Por certo, esta planta témola na rampa do xardín posterior do noso iES.


 

 

0 comentarios