Blogia
vgomez

RETRASO NO PROXECTO ABALAR

RETRASO NO PROXECTO ABALAR

A Consellería de Educación anuncia unha demora na entrega dos ordenadores do proxecto Abalar e solicita á adxudicataria unha rápida solución ao problema.

Este é o titular con que a Consellería de Educación deu onte a coñecer o parón no proxecto Abalar. Iniciado o curso, a piques de escomenzar as clases puco hai feito: material (o que temos xa), formación (foi un compromiso e aínda estamos a espera. Querena facer cando estemos a traballar? Faltando a clase? Ou perdendo tempo fóra do traballo?), contidos educativos (que deberían axudar, xa non digo suplir, aos libros de texto), armarios e material auxilar e recarga, miniordenadores,...

Como xa se comentou neste blog, na nosa localidade participan nesta implantación para o presente curso o centro concertado de "Carmelitas" e o IES "A Sangriña".

Se non se pode pois dicilo. As cousas apuradas nunca saen ben!

Este é o contido integro da información facilitada pola Consellería na súa páxina web:


A Consellería de Educación anuncia unha demora na entrega dos ordenadores do proxecto Abalar e solicita á adxudicataria unha rápida solución ao problema.
A empresa adxudicataria comunicou que ten dificultades para cumprir o prazo de entrega e alega problemas de fornecemento mundial.
Lun, 06/09/2010 - 12:31

A entrega de ordenadores aos alumnos dos colexios incluídos no programa Abalar non poderá realizarse no prazo previsto por problemas cos tempos de fabricación e abastecemento, que están sendo asumidos pola empresa adxudicataria. Aínda que as razóns alegadas pola citada compañía apuntan a terceiros responsables de orde internacional, a Consellería demandoulle unha rápida solución ao problema. En caso contrario veríase na obriga de esixir as responsabilidades pertinentes.

Como ben é sabido, no marco do plan Abalar, proxectouse a adquisición de 15.000 ordenadores ultraportátiles (netbooks) para a dotación aos alumnos das aulas seleccionadas para esta primeira fase de implantación dun programa que persigue a transformación dos centros educativos tradicionais en Centros Educativos Dixitais.

O inicio dos trámites comezou o pasado 26 de marzo co envío ao Diario Oficial da UE do anuncio de licitación. O 12 de abril publicouse no DOG e no BOE a licitación do subministro de netbooks por un importe de 4.875.000 euros.

Basicamente, o netbook solicitado- cuns requisitos mínimos semellantes aos do resto do estado- era un equipo cunhas características mínimas de 1 mega de RAM, 120 GB de disco duro, wifi, autonomía de 300 minutos e unha pantalla de 10 polgadas. Entre os requisitos esixidos figuraba que o prazo de entrega era de 45 días dende a sinatura do contrato.

Ao peche do concurso, o 30 de abril, admitíronse 7 empresas; e a primeira mesa de contratación celebrouse o 10 de maio de 2010. Por resolución do 4 de agosto adxudicouse definitivamente á empresa a subministración de 15.000 netbooks por un importe de 4.611.918,10 (IVE incluído), asinándose o contrato dous días despois, polo que o prazo de entrega dos ultraportátiles quedaba automaticamente fixado para o 20 de setembro de 2010.

O pasado xoves, 26 de agosto, a empresa comunicou un calendario provisional de entregas que superaba o prazo límite máximo, polo que se convocou á dirección da empresa para o mércores dia 1 de setembro co obxecto de que aportase novos calendarios e as explicacións precisas.

O representante da firma adxudicataria alegou que o proceso de fabricación de equipos, destas características novedosas, que son feitos a medida ten unha maior duración e que ten feito tódolos esforzos posibles en presionar á cadea de produción da fabrica chinesa para adiantar os prazos de entrega. Referiuse tamén á ruptura dun stock mundial dun dos compoñentes do ordenador; a pantalla multitáctil, polo que entende que non parece posible facer as entregas en prazo, aínda que continuará a facer xestións de cara a acurtar os prazos de entrega.

Compre salientar que, efectivamente o equipo subministrado, é de última xeración e, por tanto, notablemente superior en características (pantalla táctil e maior resolución- equivalente a das pantallas de 11,6 polgadas- e posibilidade de ser utilizado como tablet PC) ao presentado polos outros subministradores. Tratase dunha ferramenta única no ámbito da aplicación das TIC no sistema educativo de todo o estado español e exclusivo da comunidade galega.

 Polo que se refire á formación do profesorado no uso e no aproveitamento didáctico das ferramentas do proxecto “Abalar”, así como a instalación de pizarras dixitais e canóns, a Consellería continuará os seus plans dentro do prazo previsto.

FONTE: Consellería de Educación e O. Universitaria.

0 comentarios