Facebook Twitter Google +1     Admin

DICIONARIO DE PRONUNCIA DA LINGUA GALEGA

20110830094453-095a49b013a0ddeb751e7f950f20f0e5.jpg

O Dicionario de pronuncia da lingua galega xa está dispoñible na rede para consulta aberta de todos os usuarios e usuarias de internet. A Secretaría Xeral de Política Lingüística contribuíu á realización desta ferramenta en liña que propón un modelo de pronuncia estándar para o galego. Este novo recurso baséase na información fonética do Dicionario de pronuncia da lingua galega, do profesor Xosé Luís Regueira, publicado pola Real Academia Galega en 2010 no marco dun proxecto desenvolvido polo Instituto da Lingua Galega.

Ademais da transcrición fonética que se ofrece nesta publicación, a versión electrónica do dicionario permite escoitar 60.000 pronuncias do léxico común galego na súa variedade estándar, que foron gravadas coa colaboración da Compañía de Radio/Televisión de Galicia (CRTVG).

Os obxectivos prioritarios deste novo dicionario en liña, accesible no sitio web http://ilg.usc.es/pronuncia, son facilitarlles a aprendizaxe ás persoas que estudan galego e, por outra, ofrecerlles un modelo oral de referencia e de consulta aos profesionais que traballan coa lingua falada, como é o caso de xornalistas, dobradores, profesorado etc. Para isto, conta cun buscador no que poden introducirse palabras ou cadeas de caracteres. A páxina de resultados presenta a forma, a categoría gramatical, a transcrición e o arquivo de voz.

Este recurso tamén busca contribuír á normalización da lingua galega, á calidade e ao seu prestixio, en canto que difunde un modelo de pronuncia estándar para o idioma, útil sobre todo para o seu uso nos medios orais de comunicación e noutros ámbitos de difusión do galego.

Dende hoxe ten o seu sitio neste blog en ENLACES.

FONTE: Consellería de Educación e O. Universitaria


30/08/2011 16:51. vgomez #. DOCENCIA

Comentarios > Ir a formulario

vgomez

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.