Facebook Twitter Google +1     Admin
20121202120610-mosaico-imaxes-polo-norte-marciano.jpg

Mosaico de imaxes que amosa o polo norte de Mercurio e os seus cráteres / NASA

A cápsula de exploración planetaria Messenger da NASA ten enviado á Terra novas evidencias da presenza de auga xeada e materiais orgánicos nalgunhas rexións de Mercurio, segundo informa a axencia espacial estadounidense. Os investigadores calculan que o xeo, localizado na rexión permanentemente ás escuras do polo norte, ten un espesor de polo menos 45 centímetros e posiblemente alcance ata 20 metros. Os científicos consideran probable que o polo sur do planeta tamén conteña xeo, aínda que non hai datos que o confirmen.

Tres estudos independentes realizados con varios dos instrumentos da misión Messenger coinciden en confirmar a presenza de auga no planeta. O primeiro mediu un exceso de hidróxeno no polo norte do planeta; o segundo centrouse na reflectancia (a capacidade de reflectir luz) dos depósitos polares de Mercurio nunha lonxitude de onda próxima ao infravermello, e un terceiro ofreceu un modelo das temperaturas superficiais do planeta.

Malia a súa proximidade ao Sol, en Mercurio existen rexións enteiras (nas zonas polares) que non reciben nunca a luz do Sol debido á escasa inclinación do seu eixe de rotación. Dende fai xa varias décadas os investigadores consideran a idea de que podería haber xeo de auga alí, pero ata agora tratábase só dunha teoría.

A idea recibiu un grande impulso en 1991, cando o telescopio de Arecibo, en Puerto Rico, detectou unhas estrañas e brillantes manchas de radar nos polos de Mercurio. Manchas que reflectían a luz da mesma forma en que o faría o xeo. A maior parte desas manchas, ademais, procedían precisamente dunha rexión que fora fotografada dúas décadas antes, nos anos 70, pola sonda Mariner 10.

Agora a Messenger, que chegou ás proximidades de Mercurio en 2008 e entrou na súa órbita en marzo de 2011, puido verificar sen ningunha dúbida que aquelas manchas brillantes detectadas hai 20 anos coinciden coas zonas que nunca reciben a luz solar.

Os datos confirman non só que hai xeo, senón que o hai en xeito abundante. De feito, é o maior dos constituíntes dos depósitos do polo norte de Mercurio e, ademais de no interior dos cráteres, existe tamén moi preto da superficie e xusto baixo unha capa dun estraño "material escuro" que aparece en case todos os depósitos minerais e que permite que o xeo se manteña estable.

FONTE. Xornal El Pais/Ciencia

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.





Archivos

Ms

contador de visitas

Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris
Plantilla basada en el tema iDream de Templates Next